O ciclo Xacobeo Vigo traerá ao Mar de Vigo grandes artistas internacionais de seis países diferentes este verán

14 Xuño 2022

  • O lendario guitarrista Steve Vai, a histórica banda Texas, Yann Tiersen ou o espectáculo de percusión de Mayumaná, entre as actuacións previstas, ademais dos cubanos Cimafunk e os neozelandeses Fat Freddy´s Drop
  • As actuacións de Texas, co 90% das entradas xa vendidas e de Steve Vai, con máis do 70% despachado, van camiño de esgotar as entradas moito antes da data prevista
  • Todas as datas dos espectáculos e prezos poden consultarse na web do Auditorio Mar de Vigo ou na billetera www.teuticket.com

O Ciclo Xacobeo Vigo, que hoxe se presentou no Auditorio Mar de Vigo xunto a Marta Fernández Tapias, Delegada da Xunta en Vigo, traerá á cidade entre os meses de xullo e setembro, a seis artistas e bandas internacionais de máximo nivel que situarán a este recinto no selectivo mapa das xiras internacionais.

Según sinalou na presentación Marta Fernández Tapias, “a intención deste ciclo é ofrecer unha mostra da diversidade musical do mundo, da riqueza de estilos, e artistas de enorme proxección internacional e bandas de referencia”. As actuacións destas bandas alternaranse entre o auditorio interior e a espectacular terraza do Mar de Vigo. Iñaki Teixeira, director do Auditorio Mar de Vigo, comentou sobre o cartel o cartel do Ciclo Xacobeo, “A maior parte destes artistas farán contadas actuacións no noso país, e case todas en ciclos e festivais de gran prestixio como Noches del Botánico, Jardín de Pedralbes, La Mar de Músicas ou o Cruïlla de Barcelona”.

No criterio de selección dos artistas, buscáronse bandas que procedesen de diversos países e mesmo diversos continentes, que tivesen un gran recoñecemento internacional e que puidesen abarcar público diverso a través da súa variedade de estilos. As seis actuacións que pasarán polo Mar de Vigo son a banda neozelandesa Fat Freddy´s Drop o 6 de xullo, que estarán por vez primeira en Galicia, o americano e lenda do rock Steve Vai o 17 de xullo, a música sofisticada do bretón Yann Tiersen o 22 de xullo, a mítica banda escocesa Texas o 9 de agosto, a nova revelación internacional cubana Cimafunk o 26 de agosto e as espectaculares percusións dos israelíes Mayumaná, que pecharán o ciclo o 18 de setembro.

Os neozelandeses Fat Freddy´s Drop, que actuarán na terraza do Mar de Vigo o 6 de xullo, son a banda máis popular do seu país, utilizando unha fórmula que se move entre o reggae, o jazz, o rhythm and blues e os ritmos electrónicos. Vigo acollerá a única actuación desta banda en Galicia e unha das poucas en España, por onde pasarán por festivais de prestixio como o Río Babel en Madrid ou o Cruïlla en Barcelona.

O americano Steve Vai, que tocará o 17 de xullo, é unha lenda viva do rock con trinta anos de traxectoria, quince millóns de discos vendidos e galardoado con tres premios Grammy. Durante anos foi a man dereita de Frank Zappa e colaborador de lendas como Jeff Beck, Ozzy Ousborne, Ray Cooder ou Alice Cooper.

O día 22 de xullo actuará no Mar de Vigo o multiinstrumentista bretón Yann Tiersen, coñecido tamén por ser o autor de bandas sonoras emblemáticas como as dos filmes ‘Amelie’ ou ‘Goodbye Lenin’. A súa música sofisticada móvese nun amplo abanico, que vai desde a vanguardia aos ritmos recoñecibles da chanson francesa. Tiersen fará parada en Vigo nunha xira na que pasará por ciclos de referencia en España como as Noches del Botánico en Madrid ou Jardíns de Pedralbes en Barcelona co seu novo espectáculo ‘Electronic Set (Live A/V)’.

O 9 de agosto chegará a esperada actuación dos escoceses Texas, mítica banda de pop- rock con máis de 40 millóns de álbums vendidos en todo o mundo. A banda liderada pola carismática Sharleen Spiteri é autora de himnos que traspasan xeneracións como ‘I don’t want a lover’ ou ‘Summer Son’, que de seguro soará na espectacular terraza do Mar de Vigo.

Cimafunk, revelación internacional da música cubana, chegarán á terraza do Mar de Vigo o 26 de agosto. Tras saltar ao escaparate internacional despois de pasar en 2019 polo festival americano de referencia South by Southwest, a súa mestura de funk e soul filtrados polos ritmos da música cubana, fixeron que unha lenda como Fito Páez os calificase como “a banda do futuro”. Farán parada en Vigo dentro dunha xira europea onde pasarán por festivais tan emblemáticos como Glastonbury no Reino Unido, Roskilde en Alemaña ou Cruilla en Barcelona.

Por último, o ciclo pecharano o 18 de setembro os israelíes Mayumaná, un dos grandes espectáculos de percusión do mundo, que presentarán en Vigo a súa nova xira ‘Currents’, coa súa habitual mestura de ritmo e performance de coreografías corporais.

Todas as datas dos espectáculos e prezos pode consultarse na web do Auditorio Mar de Vigo e na billetera www.teuticket.com.

Artistas confirmados:

  • 6 de xullo – Fat Freddy’s Drop – Terraza do Auditorio Mar de Vigo
  • 17 de xullo – Steve Vai – Auditorio Mar de Vigo
  • 22 de xullo – Yann Tiersen – Auditorio Mar de Vigo
  • 9 de agosto – Texas – Terraza do Auditorio Mar de Vigo
  • 26 de agosto – Cimafunk – Terraza do Auditorio Mar de Vigo
  • 18 de setembro – Mayumaná – Auditorio Mar de Vigo
Está pasando!