O CIM da Guarda programa dúas sesións en setembro

2 Setembro 2020

O Centro de Información á Muller da Guarda programa neste mes de setembro dúas funcións teatrais, coa representación de “A nena que quería navegar” e “Invisibles”.

O domingo día 13 de setembro ás 18:00 h. o Centro Cultural da Guarda acolle a representación teatral de “A nena que quería navegar”, unha obra dirixida ao público infantil, e o venres 18 de setembro ás 21:00 h. terá lugar a representación teatral de “Invisibles”, unha obra dirixida ao público adulto.

“A nena que quería navegar” é unha comedia para público familiar que trata de visibilizar e paliar as consecuencias do acoso escolar a través de técnicas de reforzo positivo e aumento da autoestima. Un espectáculo optimista, colorista, emocionante, reflexivo e festivo no que se mesturan distintas disciplinas como os monicreques, o teatro de obxectos, as vídeo proxeccións e a música en directo.

“Invisibles” é unha adaptación do libro homónimo da periodista Montse Fajardo que relata casos reais de violencia de xénero sufridos por sete mulleres galegas. Protagonizado por Mela Casal, Sheyla Fariña e Neves Rodríguez baixo a dirección de Marián Bañobre.

Para ámbalas dúas representacións teatrais seguirase un estrito protocolo Covid-19, polo que é preciso inscribirse previamente chamando ao Centro Cultural da Guarda no 986 61 1850 ou acudindo ata o propio Centro Cultural con anterioridade, o aforo é limitado.

Esta actividade está subvencionada pola Secretaría Xeral de Igualdade e polo Pacto de Estado.

Está pasando!