Presentación do XXII Festival de Cans | Festival de Cans

O cineasta Daniel Sánchez Arévalo estará na XXII edición do Festival de Cans

7 Maio 2025

O Festival de Cans, que terá lugar entre o 20 e o 24 deste mes, presentou en rolda de prensa as novidades da próxima edición do certame coa presenza do presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López Diéguez; o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo; Isabel Blanco, delegada de AISGE en Galicia, representantes da organización do festival e de patrocinadores habituais como Estrella Galicia e Gadis e novas incorporacións como Lonza.

Entre os nomes que pasarán polo festival este ano atópase Daniel Sánchez Arévalo, recoñecido director de filmes como ‘AzulOscuroCasiNegro’, ‘Gordos’ ou ‘La gran familia española’, que protagonizará o emblemático coloquio central no Torreiro o sábado 24 ás 12h.

Sanchez Arévalo acaba de filmar a súa sexta película, ‘Rondallas’, que levanta gran expectación entre o público da comarca ao estar moi relacionada coa zona da Louriña e con varias formacións musicais do Porriño.

O director, recoñecido tamén por asumir riscos na dirección de actores e sacar o mellor de intérpretes como Antonio de la Torre, Quim Gutiérrez ou Raúl Arévalo, estará na sección Extracans, que se recupera nesta edición do festival, e onde presentará ‘Pipiolos’, curtametraxe que ven de triunfar no Festival de Cine de Málaga.

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López Diéguez, agradeceu ao Festival de Cans o seu traballo e apuntou que, coa cultura, queren “chegar a todos os recunchos da provincia e descentralizar” e o Festival de Cans “é un escaparate excepcional, referente a nivel internacional”.

Pola súa parte, o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, afirmou que “a cultura en Cans nace das casas, dos ghalpóns, das nosas rúas e dos corazóns da xente” e agradeceu o apoio a todos os implicados.

Presentación das Estrelas no Torreiro | Festival de Cans

ANTIMILITARISMO E MEMORIA HISTÓRICA

Un dos momentos máis agardados será a estrea de ‘Crónicas dun non’, documental de Fernando Rodríguez que se proxectará o venres 23 coa presenza do director.

A película mergúllase no movemento dos insubmisos dos anos 90, aqueles mozos que se negaron a facer o servizo militar por causas de conciencia protagonizando unha das maiores accións de desobediencia civil en España e Europa, determinantes na eliminación do servizo militar obrigatorio.

O documental chega a Cans coincidindo co vixésimo aniversario da supresión do servizo militar obrigatorio, e faino nun momento especialmente simbólico, co debate sobre o gasto militar de novo no centro da axenda política e social.

A programación, con forte compoñente de reflexión crítica e social, reserva momentos emotivos para a memoria histórica, coa homenaxe a Alfredo Bautista Alconero (1912-2000), que foi o prisioneiro debuxante e caricaturista dos presos de San Simón, protagonista do documental “Aillados”, e do que este ano se cumpren 25 anos da súa morte.

Tamén haberá unha emotiva homenaxe á Señora Alicia, veciña emblemática de Cans, falecida o pasado mes de xaneiro.

PROXECTARANSE 120 OBRAS E CASE 40 ESTREAS

O festival contará con preto de 40 estreas, entre as que se atopan títulos como ‘Antes de Nós‘, de Ángeles Huerta, que contará coa presenza dos actores Nancho Novo, Xoan Fórneas e Cris Iglesias, así como arredor de 25 curtametraxes que se verán por vez primeira en Galicia dentro das competicións oficiais: Furacáns, Ficción e Animación e Novas Camadas.

Moitas destas obras están marcadas por temáticas como o despoboamento, a memoria ou a identidade rural, abordadas por unha nova xeración de cineastas galegos como Fon Cortizo, Diego R. Aballe, Alba Pino, Ariadna Cordal, Alejandro Jato ou Pablo Dopazo.

O director do Festival, Alfonso Pato, reivindicou Cans como “un festival único pola implicación dos veciños, de escala humana, afastado da voráxine dos macrofestivais, e escaparate dunha xeración que se achega ao rural cunha nova mirada. Cans é unha xanela aberta á creatividade e á reflexión crítica”.

Ademáis de retrospectivas ao cineasta boliviano Alejandro Loayza Grisi e ao Premio Pedigree Alfonso Zarauza, celebraranse encontros profesionais con intérpretes de primeiro nivel como Nerea Barros, Tamar Novas, Lucía Veiga ou María Vázquez, así como cineastas como Xacio Baño, Anxos Fazáns, Ángel Santos, Xiana do Teixeiro ou Adrián Canoura, que participarán en Fillxs de Cans, amosando imaxes inéditas dos seus próximos proxectos.

MÁIS DE 25 ACTUACIÓN MUSICAIS

A programación musical contará con máis de 25 actuacións, que van desde as músicas de raíz ata propostas urbanas e electrónicas, en diálogo cos contidos audiovisuais do festival con artistas como Mondra, que creou un espectáculo único para musicar o filme mudo ‘Miss Ledya’, Biznaga, Santero y los muchachos, Caamaño&Ameixeiras ou o que se agarda sexa o emocionante regreso de Susana Seivane aos escenarios de Galicia, despois dun ano afastada por motivos de saúde.

Actuacións como a de Mondra e Susana Seivane xa colgaron o cartel de esgotado e o ritmo de venda de entradas supera xa o doutras edicións. Para a actuación da poeta Lúa Mosquetera quedan só as 10 últimas entradas. Tamén quedan poucas entradas dispoñibles para as sesións de Ficción e Furacáns.

Cómpre lembrar que o prazo para mercar entradas online na web do festival remata o día 21 de maio. Se sobran, despois só se venderían fisicamente os días do certame.

Está pasando!