O Cineclube Pontevedra arranca a programación de outubro ao abrigo do mestre xaponés Yasujiro Ozu

1 Outubro 2024

A programación de outubro do Cineclube Pontevedra arrancará coa proxección de ‘O fillo único’ (1936), primeira longametraxe sonora do mestre xaponés Yasujiro Ozu. Con este filme, filmado no período de entreguerras, incriblemente conmovedor e agridoce, calificado polo teórico Noel Burch como «logro supremo», Ozu senta as bases dos seus máis sonados filmes posteriores. A proxección terá lugar o luns día 7.

Ademais, o luns 28 proxectarase ‘Historia dunha veciñanza’ (1947), o primeiro filme de Ozu logo do hiato de cinco anos que supuxo a Segunda Guerra Mundial; unha obra recentemente restaurada e presentada en Cannes Classics, que foi estreada por primeira vez en salas a finais do pasado ano.

Pola súa banda, as sesións dos martes acollerán dúas magníficas propostas dos anos 70, que mesturan documental e ficción para poñer sobre a mesa cuestións como o racismo ou a violencia sexual: ‘Bushman’ (1971) é a obra máis recoñecida do estadounidense David Schickele, protagonizada por un mozo nixeriano nos Estados Unidos nos convulsos anos 60; en ‘Not a Pretty Picture’ (1976), a directora Martha Coolidge pon en escena a violación que sufriu aos 16 anos cunha mirada pioneira e feminista, nun filme especialmente recomendado para o fomento da igualdade de xénero polo ICAA.

Haberá espazo tamén para dúas estreas recentes: a última longametraxe do director belga Bas Devos, que vén de gañar o premio ao Mellor Filme na sección Encounters da Berlinale e cuxa obra anterior foi obxecto dun Foco no marco da edición 4 do Festival Novos Cinemas; e o último traballo da directora alemá Angela Schanelec, unha fascinante interpretación contemporánea do mito de Edipo que lle valeu o Oso de Prata ao Mellor Guión na pasada Berlinale.

Todos os filmes proxectaranse na súa versión orixinal con subtítulos en español, excepto ‘Bushman’ e ‘Música’, que terán versión subtitulada en galego.


 LUNS 7 OUTUBRO 

‘O FILLO ÚNICO’ (Hitori musuko, Yasujiro Ozu, 1936, Xapón, 82 min., VOSE, Lingua orixinal: xaponés).

En 1923, na provincia de Shinshu, Tsune Nonomiya, unha muller viúva e humilde traballa arduamente nunha fábrica de seda para que o seu fillo, Ryosuke, un estudante brillante, poida ir á escola e converterse nun grande home. Cando a nai de Ryosuke, logo de trece anos de separación, chega inesperadamente a Tokio para visitar o seu fillo, non tarda en agromar a vergonza e a frustración.


 MARTES 8 OUTUBRO 

‘BUSHMAN’ (Bushman, David Schickele, 1971, EE UU, 73 min., VOSG, Lingua orixinal: inglés).

1968. Martin Luther King, Robert Kennedy e Bobby Hutton foron recentemente asasinados. En Nixeria, a guerra civil entra no seu segundo ano sen que se intúa un final. En San Francisco, as aventuras de Gabriel, un mozo nixeriano, reflicten as friccións tribais, persoais e raciais durante os convulsos anos sesenta. A verdade é máis estraña cá ficción en ‘Bushman’, un retrato fílmico en parte documental, en parte ficción, poético na súa aproximación aos feitos reais.

  • Mellor ópera prima no Chicago International Film Festival 1971.

 MARTES 15 OUTUBRO 

‘NOT A PRETTY PICTURE’ (Not a Pretty Picture, Martha Coolidge, 1976, EE UU, 83 min., VOSE, +16, Lingua orixinal: inglés).

En 1962, aos 16 anos, a directora Martha Coolidge foi violada durante unha festa por un compañeiro de clase maior ca ela. Doce anos máis tarde, a cineasta examina esta agresión sexual vivida en carne propia e recrea as circunstancias que a rodearon cun grupo de actores nun loft de Nova York. Disposta a falar da súa agresión sen reservas, Coolidge tamén sabe escoitar, permitíndolle ao seu reparto manter conversas sinceras sobre a psicoloxía e a desequilibrada dinámica de poder inherente á violencia sexual.

  • Especialmente recomendada para o fomento da igualdade de xénero (ICAA).

 MARTES 22 OUTUBRO 

‘HERE’ (Here, Bas Devos, 2023, Bélxica, 82 min., VOSE, Lingua orixinal: neerlandés, francés, romanés, chinés).

Stefan, un obreiro da construción romanés que vive en Bruxelas, está a piques de regresar ao seu país. Cociña unha gran ola de sopa co que ten na neveira e repártea como despedida entre amizades e familiares. Xusto cando está listo para marchar, coñece unha moza que está a preparar un doutorado sobre musgos, a especie vexetal máis antiga coñecida. A capacidade de atención da moza cara ao case invisible deixa en Stefan unha fonda pegada.

  • Fipresci e o Mellor Filme de Encounters na Berlinale 2023.

 LUNS 28 OUTUBRO 

‘HISTORIA DUNHA VECIÑANZA’ (Nagaya shinshiroku, Yasujiro Ozu, 1947, Xapón, 72 min., VOSE, Lingua orixinal: xaponés)

No difícil Xapón da posguerra, Kohei, un neno extraviado, chega accidentalmente a mans de Otane, unha viúva de carácter agre que o acolle na casa de mala gana. A muller rexeita o neno, que lle ocasiona numerosas molestias e esfórzase por localizar o pai do cativo, que semella que foi abandonado.


 MARTES 29 OUTUBRO 

‘MÚSICA’ (Musik, Angela Schanelec, 2023, Alemaña, 108 min., VOSG, +12, Lingua orixinal: alemán).

Abandonado ao nacer nas montañas gregas unha noite de treboada, Jon é acollido e adoptado, sen ter coñecido a seu pai nin súa nai. De mozo, coñece a Iro, unha celadora da prisión onde está encarcerado tras un tráxico accidente mortal. Parece buscar a súa presenza, cóidao e grava música. Cada perda terá a súa contrapartida e ao perder a vista comezará a vivir a súa vida con toda plenitude. O filme de Schanelec é unha deslumbrante interpretación contemporánea do mito de Edipo.

  • Oso de Prata ao Mellor Guión na Berlinale 2023.
  • Mellor Dirección e Mellor Fotografía na Seminci 2023.


As sesións comezan ás 20:30 horas, mais as portas do Teatro Principal estarán abertas desde as 20:00 horas.

As cotas para asociarse ao Cineclube mantéñense en 70 euros anuais, 25 trimestrais ou 3 euros por pases soltos. Tanto as cotas anuais coma as trimestrais permiten o acceso de balde a todas as proxeccións que se realicen mentres estiveren vixente.

As persoas que desexen asociarse ao cineclube poden facelo calquera día en que haxa proxección ou ben a través do blog da asociación.

Está pasando!