O Cineclube Pontevedra comeza o ano cun ciclo dedicado a Peter Bogdanovich

13 Xaneiro 2025

O Cineclube Pontevedra estrea a programación de 2025 cun ciclo dedicado a Peter Bogdanovich (1939-2022), figura central do novo Hollywood que emerxe nos anos 70.

Cinéfilo obsesivo cunha fonda admiración polo cinema clásico americano, Bogdanovich amalgamou a modernidade dos novos tempos e a herdanza do clásico, revisitando xéneros xa en desuso. Foi, ademais, actor, produtor, autor de numerosos estudos cinematográficos e responsable dun valioso legado en forma de entrevistas a cineastas, publicadas en varios volumes, entre os que destacan os seus libros sobre Orson Welles e John Ford.

Durante o mes de xaneiro proxectaranse no Cineclube tres dos seus títulos máis icónicos dos anos 70: ‘A última película’ (1971), ‘Que pasa, doutor?’ (1972) e ‘Lúa de papel’ (1973), obras que poñen en evidencia un discurso sobre a forma do cinema e sobre o que, a partir dela, se revela da historia da sociedade americana.



As tres sesións terán lugar ás 20:30 horas no Teatro Principal, o luns 13, martes 21 e martes 28, en versión orixinal subtitulada en español.

As cotas para asociarse ao Cineclube mantéñense en 70 euros anuais, 25 trimestrais ou 3 euros por pases soltos. Tanto as cotas anuais coma as trimestrais permiten o acceso de balde a todas as proxeccións que se realicen mentres estiveren vixente.

As persoas que desexen asociarse ao cineclube poden facelo calquera día en que haxa proxección ou ben a través do blog da asociación.


 LUNS 13 DE XANEIRO 

‘A ÚLTIMA PELÍCULA’ (‘The Last Picture Show’, Peter Bogdanovich, 1971, 120 min., VOSE, Lingua orixinal: inglés)

Década dos 50. A pequena e solitaria localidade texana de Anarene é testemuña dos desprazamentos diarios dun grupo de adolescentes insatisfeitos que afrontan o tránsito á idade adulta. Ao seu redor, o tempo estancado transcorre entre o salón de billar, o café aberto toda a noite e unha vella sala de cine, nunha época en que comezan os recrutamentos para a guerra de Corea e en que o cinema e todo o que representa morre a mans da televisión.

Inspirado na novela homónima de Larry McMurtry e fotografado por Robert Surtees nun fermoso branco e negro aconsellado por Orson Welles, ‘A última película’ é un dos filmes claves do renacer do cinema estadounidense dos 70 e a obra mestra que consagrou a Peter Bogdanovich. Obtivo 8 nominacións aos Oscar en 1971 e gañou dous deles: mellor actor secundario (Ben Johnson) e mellor actriz secundaria (Cloris Leachman).


 MARTES 21 DE XANEIRO 

‘QUE PASA, DOUTOR?’ (‘What’s Up, Doc?’, Peter Bogdanovich, 1972, 94 min., VOSE, Lingua orixinal: inglés)

Catro persoas con maletas idénticas coinciden no mesmo andar dun hotel de San Francisco. Unha delas pertence a Howard Bannister, un mozo serio, tímido e despistado, que asiste a unha convención de musicólogos para optar a unha bolsa de investigación. Outra é de Judy Maxwell, unha moza vitalista e atoleirada coa que Howard vivirá as situacións máis disparatadas. Aínda hai outras dúas maletas en circulación, e algunhas persoas interesadas no seu contido.

Divertidísima comedia con aroma clásico, que toma como referente ‘Bringing Up Baby’, de Howard Hawks, e bebe da screwball comedy da época dourada de Hollywood, con Barbra Streisand e Ryan O’Neal como un dos dúos románticos máis entrañables da historia do cinema.


 MARTES 28 DE XANEIRO 

‘LÚA DE PAPEL’ (‘Paper Moon’, Peter Bogdanovich, 1973, 102 min., VOSE, Lingua orixinal: inglés)

Durante a época da Gran Depresión e a Lei Seca, Moses Pray, un estafador de pouca monta, gáñase a vida vendéndolles biblias a mulleres viúvas. Contra a súa vontade, faise cargo de Addie, filla dunha antiga amante falecida, que o acompaña e aprende axiña as malas artes do oficio. Ambos establecen unha estreita relación mentres se dirixen a St. Louis, nunha viaxe na que se cruzan con artistas de feira, policías corruptos, hillbillies e contrabandistas

Inspirada na novela ‘Addie Pray’, de Joe David Brown, o filme conta cun brillante branco e negro fotografado polo húngaro László Kovács e un elenco memorable: Ryan e Tatum O’Neil asumen, como na vida real, os papeis de pai e filla. Foi a estrea no cinema de Tatum, que con 10 anos gañou o Oscar á mellor actriz secundaria.

Está pasando!