O Cineclube Pontevedra dedica o mes de febreiro a Mr. Oizo, seudónimo do produtor musical e director de cine francés Quentin Dupieux

31 Xaneiro 2024

O Cineclube Pontevedra dedica o mes de febreiro ao director e guionista francés Quentin Dupieux, coñecido como Mr. Oizo no mundo da música electrónica, cuxa hiperprodutiva carreira transita os terreos máis insospeitados do humor absurdo.

Proxectaranse dous dos seus máis recentes traballos: ‘Incrible pero certo’ e ‘Fumar provoca tose’, presentados ambos na sección competitiva do festival de Sitges de 2022. Os dous filmes obtiveron o premio (ex-aequo) ao mellor guión nunha edición na que Dupieux foi galardoado cun dos Premi Máquina del Temps cos que o festival catalán recoñece as traxectorias profesionais.

Sempre imprevisible e delirante, Dupieux é especialista en mostrarnos realidades deformadas, relacións humanas bizarras e situacións surrealistas. Os camiños do francés son inescrutables.


MARTES 6 | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL DE PONTEVEDRA

‘INCRIBLE PERO CERTO’ (‘Incroyable mais vrai’). Quentin Dupieux, 2022, Francia, 70 min., VOSE. Lingua orixinal: francés.

Esta é a historia dun soño feito realidade. O matrimonio formado por Alain e Marie atopou a casa dos seus soños. Malia as advertencias do seu axente inmobiliario sobre o que ocorre no soto, non dubidan en mercala. Aos poucos, Marie irase facendo adicta a adentrarse na planta baixa do seu novo fogar, mentres que a Alain non lle interesa o máis mínimo. Xuntos debaten sobre se compartir o segredo do lugar cos seus veciños ou gardalo só para eles.

Unha divertida e excéntrica comedia instalada nas portas da ciencia ficción, que reflexiona sobre a obsesión da sociedade actual por non envellecer e se burla dos clixés da feminidade e masculinidade tóxicas.

  • Mellor Guión en Sitges 2022
  • Berlinale Special 2022

MARTES 20 | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL DE PONTEVEDRA

‘FUMAR PROVOCA TOSE’ (‘Fumer fait tousser’). Quentin Dupieux, 2022, Francia, 80 min., VOSE. Lingua orixinal: francés.

Tras unha feroz batalla contra unha tartaruga xigante maligna, o equipo de superheroes coñecido como Forzas do Tabaco tómase unha fin de semana de descanso para fortalecer a cohesión do grupo e volver con forzas renovadas ás súas tarefas de salvar o mundo. A súa estancia transcorre ben até que Lézardin, Emperador do Mal, decide aniquilar o planeta Terra.

En palabras do director, «unha comedia rica en referencias do pasado (POWER RANGERS, CREEPSHOW, SAN KU KAI, HALLOWEEN…) co simple e nobre propósito de entreter un público abatido polo presente».

  • Mellor Guión en Sitges 2022
  • Sección Oficial (fóra de concurso) en Cannes 2022

O Cineclube Pontevedra é unha asociación sen ánimo de lucro cuxo funcionamento e financiamento depende fundamentalmente das achegas económicas que realizan periodicamente as súas socias e socios, cara a quen está dirixidas as súas actividades. Asóciate!

Está pasando!