O Cineclube Pontevedra dedícalle o mes de xaneiro ao cineasta portugués Paulo Rocha

4 Xaneiro 2023

O Cineclube Pontevedra dedícalle o mes de xaneiro ao cineasta portugués Paulo Rocha (1935-2012), figura eminente da cinematografía lusa e pai do Novo Cinema Portugués. Un autor cuxa influencia é visible na obra de cineastas portugueses contemporáneos como Pedro Costa, João Pedro Rodrigues, Miguel Gomes o João Salaviza.

Malia as dificultades de acceso ao seu traballo, Rocha é coñecido nos circuítos cinéfilos internacionais como autor dunha complexa reflexión sobre Portugal, sobre as súas raíces culturais e matrices identitarias.

Proxectarase, da man de Atalante, tres filmes fundamentais da súa filmografía, con presenza nos tres da grandísima actriz portuguesa Isabel Ruth: ‘Os verdes anos’ (1963), ‘Mudar de vida’ (1966) e ‘O río de ouro’ (1998).

As proxeccións faranse en versión orixinal con subtitulado en galego.


MARTES 17  | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL DE PONTEVEDRA

‘OS VERDES ANOS’

Paulo Rocha, 1963, Portugal, 89 min., VOSG

Lingua orixinal: portugués

Júlio, de dezanove anos, chega a Lisboa desde o campo para vivir co seu tío Afonso e traballar de zapateiro. Axiña coñece a Ilda, unha moza do servizo doméstico, atrevida e independente, que visita con frecuencia o obradoiro onde traballa. Ambos comezan un romance que se ve truncado polo choque coa súa realidade cotiá.

Filme fundacional do novo cinema portugués e pedra angular do cinema luso, a ópera prima de Paulo Rocha, filmada nun esplendoroso branco e negro, é unha mirada desencantada, tenra e amarga á Lisboa moderna a través dos ollos de dous mozos que veñen do campo.

Mellor Ópera Prima: Locarno 1964

Mención Honorable: Seminci 1965


MARTES 24 | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL DE PONTEVEDRA

‘MUDAR DE VIDA’

Paulo Rocha, 1966, Portugal, 94 min., VOSG

Lingua orixinal: portugués

Coa guerra colonial como pano de fondo, o segundo filme de Rocha narra unha serie de episodios da vida de Adelino, un home que regresa á súa pequena aldea de pescadores logo de facer o servizo militar. As regras, o lugar e as xentes mudaron e Adelino trata de sobrevivir nun mundo que agora lle resulta alleo.

Inspirado polo seu traballo con Manoel de Oliveira, Rocha traballou con aldeáns locais do Furadouro ademais de con actores experimentados, liderados pola grande e icónica Isabel Ruth, habitual de Oliveira. Mudar de vida é un punto de referencia para moitos directores lusos do noso tempo; é o filme de Rocha que máis bebe das leccións da Nouvelle Vague e no que comeza a aparecer a influencia do cinema xaponés.

Biennale di Venezia 1966


MARTES 31  | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL DE PONTEVEDRA

‘O RÍO DO OURO’

Paulo Rocha, 1998, Portugal, 95 min., VOSG

Lingua orixinal: portugués

Ambientada nos anos 50, a rexión do Douro é unha vez máis o escenario dun drama de amores tráxicos. Todo transcorre ben na tranquila vida da aldea até que Carolina comeza a sospeitar unha relación entre António e a súa sobriña Melita. Decidida a vingarse, Carolina comeza unha relación co cigano visionario Zé do Ouro para que lle desvele o secreto pasado de Melita.

Aclamado pola crítica tras a súa estrea mundial en Cannes, O río do Ouro, é un filme posuído por unha forza telúrica, onde a paixón e a violencia latexan.

Un Certain Regard: Cannes 1998



Cineclube Pontevedra é unha asociación sen ánimo de lucro cuxo funcionamento e financiamento depende fundamentalmente das achegas económicas que realizan periodicamente as súas socias e socios, cara a quen están dirixidas as súas actividades. Asóciate!

Está pasando!