O Cineclube Pontevedra recupera as sesións en colaboración coa Filmoteca de Galicia, que terán lugar o segundo e cuarto luns de cada mes

4 Outubro 2022

Un intenso mes por diante no Teatro Principal de Pontevedra, co novo de Audiard, Carpignano, Périot e Apichatpong; o debut na longametraxe de Alauda Ruiz de Azúa e a sesión dedicada á cineasta alemá Helke Misselwitz, que foi obxecto dunha retrospectiva na pasada edición do Play Doc.

Ademais, o Cineclube Pontevedra recupera as sesións en colaboración coa Filmoteca de Galicia, que terán lugar o segundo e cuarto luns de cada mes.


MARTES 4 DE OUTUBRO | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL

‘PARÍS, DISTRITO 13’

Dir. Jacques Audiard, Francia, 2021, 105 min. VOSE

Lingua orixinal: francés

Émilie coñece a Camille, que se sente atraído por Nora, quen, á súa vez, atopa no camiño a Amber. Tres mozas e un rapaz. Son amigos, ás veces amantes e, decote, as dúas cousas. As súas vidas crúzanse intermitentemente no parisino barrio de Les Olympiades (Distrito 13), que exerce como aséptico pano de fondo dun fresco xeracional sobre os xeitos en que a mocidade experimenta as relación afectivas e a procura de estabilidade vital no tempo das redes sociais.

Audiard parte de tres historias gráficas do autor americano Adrien Tomine (Amber Sweet, Killing Dying e Hawaiian Getaway) e transfórmaas en guión cinematorgáfico man á man con Céline Sciamma (Retrato da moza en chamas, Petite Mamam) e Léa Mysius (Ava, Les cinq diables).

Festivais e galardóns:

  • Cannes 2021 Sección oficial
  • Sevilla Mellor Actriz (Lucie Zhang)

LUNS 10 DE OUTUBRO | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL

‘QUEN TEME O HOME DO SACO’

Dir. Helke Misselwitz, Alemaña, 1989, 52 min. VOSE

Lingua orixinal: alemán

Acompañarase de tres curtas da directora: Fotografía de espidos, p. ex. Gundula Schulze (1983), 35 fotos (1984-1985) e A familia Marx (1983-1988).

A enérxica muller a cargo dunha pequena compañía privada que distribúe carbón para fogares no distrito de Prenzlauer Berg, en Berlín, leva o seu negocio adiante con humor e coñecemento. Os seus sete empregados homes semellan tipos duros, mais cando se poñen a describir as súas vidas, as súas vulnerabilidades saen á luz. As súas discusións van dende a construción do Muro de Berlín e a posibilidade de fuxir cara ao Oeste ata o abuso de menores, o suicidio, a prisión e o alcoholismo.

A cineasta alemá Helke Misselwitz (1947) é unha das realizadoras máis importantes da última xeración da DEFA, a primeira compañía cinematográfica fundada tras a Segunda Guerra Mundial baixo a ocupación soviética e o único estudio cinematográfico en Alemaña Oriental. A súa obra foi obxecto dunha retrospectiva na pasada edición do Play-Doc de Tui.


MARTES 11 DE OUTUBRO | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL

‘CINCO LOBITOS’

Dir. Alauda Ruiz de Azúa, España, 2022, 104 min. VO

Lingua orixinal: español

Amaia (Laia Costa) acaba de ser nai e decátase de que non sabe moi ben como selo. Ao ausentarse a súa parella por traballo unhas semanas, decide volver á casa dos seus pais, nunha vila costeira de Euskal Herria e así compartir a responsabilidade de coidar do seu bebé. O que non sabe Amaia é que, aínda que agora sexa nai, non vai deixar de ser filla. Cinco lobitos é o debut na longametraxe de Alauda Ruiz de Azúa.

Festivais e galardóns:

  • Berlinale 2022 Sección Panorama
  • Málaga 2022 Mellor Filme, Mellor Guión, Mellor Actriz (ex-aequo Laia Costa e Susi Sánchez), Premio do Público, Premio do Xurado Novo, Premio ASECAN, Premio Signis, Premio Feroz Puerta Oscura

MARTES 18 DE OUTUBRO | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL

‘PARA CHIARA’

Dir. Jonas Carpignano, Italia, 2021, 120 min. VOSE

Lingua orixinal: italiano

A familia Guerrasio e as súas amizades reúnense para celebrar o dezaoito aniversario da filla maior de Claudio e Carmela. Existe unha sa rivalidade entre a homenaxeada e a súa irmá Chiara, de 16 anos, mentres compiten na pista de baile. É unha xornada feliz, a familia está unida e en plena forma. Mais todo muda ao seguinte día, cando Claudio desaparece logo de estoupar o seu coche. A través da mirada de Chiara, o director de Mediterranea (2015) e A Ciambra (2017) introdúcenos desta volta no mundo da ‘Ndrangheta calabresa.

Festivais e galardóns:

  • Cannes 2021 Quincena de Realizadores – Premio Europa Cinema Labels
  • Sevilla 2021 Mellor Dirección e Mención Especial ao Elenco

LUNS 24 DE OUTUBRO | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL

‘REGRESO A REIMS’

Dir. Jean-Gabriel Périot, Francia, 2021, 80 min. VOSG

Lingua orixinal: francés

Regreso a Reims adapta libremente o texto homónimo de Didier Eribon. A través de diverso material de arquivo (Germaine Dullac, Jean Renoir, Jean-Luc Godard…) e da voz en off de Adèle Haenel (Retrato da moza en chamas), Périot constrúe un ensaio político que pon en cuestión a historia contemporánea de Francia, sinalando os seus fracasos políticos así como as reivindicacións das loitas feministas e de clase. Unha historia íntima e política da clase traballadora francesa desde comezos dos anos 50 ata a actualidade.

O filme proxectarase subtitulado en galego e está especialmente recomendado para o fomento da igualdade de xénero.

Festivais e galardóns:

  • Cannes 2021 Sección oficial

MARTES 25 DE OUTUBRO | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL

‘MEMORIA’

Dir. Apichatpong Weerasethakul, Colombia, 2021, 136 min. VOSE

Lingua orixinal: inglés, español

A Jessica (Tilda Swinton), botánica británica establecida en Colombia, espértaa unha noite un son coma doutro mundo. A protagonista emprende unha viaxe ata o corazón da selva en busca da orixe deste ruído que só ela parece oír. Alí atopa un home que atesoura toda a memoria do lugar.

Apichatpong Weerasethakul abandona por vez primeira a súa Tailandia natal para ofrecernos un filme de contornas depuradas, unha experiencia única que lle outorga á dimensión sonora unha capacidade trascendental poucas veces acadada no cinema.

Festivais e galardóns:

  • Cannes 2021 Premio do Xurado
  • Chicago 2021 Mellor Filme

O Cineclube Pontevedra é unha asociación sen ánimo de lucro cuxo funcionamento e financiamento depende fundamentalmente das achegas económicas que realizan periodicamente as súas socias e socios, cara a quen están dirixidas as súas actividades. Asóciate!

Está pasando!