O Cineclube Pontevedra retoma a programación dos luns coa realizadora xaponesa Kinuyo Tanaka

5 Abril 2023

O Cineclube Pontevedra retoma a programación dos luns en colaboración coa Filmoteca de Galicia e dedícanlle estas dúas sesións á realizadora xaponesa Kinuyo Tanaka (1909-1977), primeira e única muller que desenvolveu unha filmografía en Xapón durante a posguerra.

Tanaka, que foi unha das actrices máis importantes do cinema xaponés —podémola ver en filmes de Mizoguchi, Naruse, Ozu ou Kurosawa—, é autora de seis filmes imperdibles nos que «ofrece alternativas ao estereotipo de muller xaponesa vulnerable e sacrificada que idealizaran directores coma Mizoguchi» (Irene González-López).

Nas sesións dos martes estrearase ‘Fogo-Fátuo’ (2022), o novo traballo do portugués João Pedro Rodrigues, e aproveitamos para recuperar un dos grandes filmes do 2013, ‘E agora? Lembra-me’, do tamén portugués Joaquim Pinto.


LUNS 17  | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL DE PONTEVEDRA

‘PEITOS ETERNOS’

Kinuyo Tanaka, 1955, Xapón, 106′, VOSG

Lingua orixinal: xaponés

Baseada na vida da poeta Fumiko Nakajo, Peitos eternos conta a historia dunha moza, nai de dous fillos, que escribe poemas aínda que non está moi convencida do seu talento. O éxito da súa carreira literaria coincide co seu divorcio e coa aparición dunha enfermidade. É aí cando coñece un xornalista que desexa escribir unha reportaxe sobre ela, e con quen comeza unha relación que se torna cada vez máis íntima e apaixonada.

Con guión de Sumie Tanaka, Peitos eternos é o primeiro filme xaponés escrito e dirixido por mulleres.


MARTES 18 | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL DE PONTEVEDRA

‘FOGO-FÁTUO’

João Pedro Rodrigues, 2022, Portugal, 67′, VOSE

Lingua orixinal: portugués

2069, ano erótico, mais fatídico para un rei sen coroa. Nun Portugal futuro, onde a monarquía foi restaurada, a súa alteza o rei Alfredo rememora no leito de morte os tempos de xuventude en que soñou con ser bombeiro para liberar Portugal do flaxelo dos incendios.

O corpo de bombeiros protagoniza esta fantasía musical do director portugués João Pedro Rodrigues: unha comedia queer con mensaxe medioambientalista na que o desexo derruba fronteiras.

Festival de Sevilla: Gran Premio do Xurado

Festival de Cannes: Quincena de Realizadores


LUNS 24  | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL DE PONTEVEDRA

‘A NOITE DAS MULLERES’

Kinuyo Tanaka, 1961, Xapón, 90′, VOSG

Lingua orixinal: xaponés

Kuniko vive nun centro de rehabilitación para traballadoras sexuais. Como parte do proceso de reinserción na sociedade, concédenlle a liberdade, condicionada ao mantemento do seu traballo nunha fábrica. Cando o seu pasado é descuberto, Kuniko terá que enfrontarse aos prexuízos e a hipocresía da sociedade.

En 1958 Xapón prohibe os bordeis. Kinuyo Tanaka analiza n’A noite das mulleres as consecuencias da aplicación desta lei que deixou as traballadoras sexuais na rúa ou internadas en centros de reeducación.


MARTES 25  | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL DE PONTEVEDRA

‘E AGORA? LEMBRA-ME’

Joaquim Pinto, 2013, Portugal, 164′, VOSE

Lingua orixinal: portugués

Joaquim Pinto, afectado polo VIH e o VHC, comeza un tratamento experimental en Madrid o mesmo día que o PP de Rajoy gaña as eleccións de 2011. O cineasta portugués, a carón do seu marido Nuno, grava a súa terapia durante un ano. Desde o íntimo do rexistro en primeira persoa, Pinto trata asuntos universais coma a sanidade pública, a crise económica, a historia do cinema e as formas múltiples do amor.

Cercano sen ser exhibicionista, conmovedor sen ser aleccionador, extraordinario desde a súa normalidade, este vídeo-diario, que xustifica plenamente o seu formato, arrasou nas listas do mellor de 2013.

Locarno: Premio Fipresci e Premio Especial do Xurado

Doc Lisboa: Gran premio da cidade de Lisboa á Mellor Longametraxe Internacional


Cineclube Pontevedra é unha asociación sen ánimo de lucro cuxo funcionamento e financiamento depende fundamentalmente das achegas económicas que realizan periodicamente as súas socias e socios, cara a quen están dirixidas as súas actividades. Asóciate!

Está pasando!