O Cineclube Pontevedra retomará o seu horario habitual ás 20:30 horas dende o martes 20 de abril

15 Abril 2021

Debido ao atraso do toque de queda anunciado onte pola Xunta, o Cineclube Pontevedra retoma o seu horario habitual ás 20:30 h dende o vindeiro martes, día 20.

A billeteira do Teatro manterase aberta unha hora antes, dende as 19:30 h, para que as entradas poidan recollerse de maneira espazada.

O Cineclube Pontevedra ven de retomar a programación o martes 13 de abril, cun mes que camiña, da man do realizador brasileiro Sérgio Tréfaut e da realizadora portuguesa Susana de Sousa Dias, a través do cante alentexano, a memoria da represión política da ditadura salazarista e o arquivo fotográfico e fílmico que xerou a revolución do 25 de Abril.


MARTES 13  | 19:30 | TEATRO PRINCIPAL DE PONTEVEDRA

ALENTEJO, ALENTEJO

Sérgio Tréfaut, 2014, 96 min., VOSE

Lingua orixinal: portugués

No Alentexo, no sur de Portugal, decenas de grupos amadores reúnense regularmente para ensaiar antigos cantes polifónicos e para improvisar modas sobre o tempo presente. Nacido nas tabernas e nos campos de cultivo, o cante alentexano transmitiuse ao longo de xeracións e atravesou as fronteiras da rexión que lle deu orixe. Co paso do tempo, e tamén debido á diáspora alentexana, apareceron novos grupos na periferia de Lisboa e en diversos países da emigración, moitos deles formados por adolescentes e crianzas, proba de que o cante está vivo e de que é expresión dunha identidade propia. Alentejo, Alentejo é unha viaxe a un modo de expresión musical único, Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade dende 2014.


MARTES 20 | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL DE PONTEVEDRA

LUZ OBSCURA

Susana de Sousa Dias, 2017, 77 min., VOSE

Lingua orixinal: portugués

A existencia da fotografía dunha nai co seu bebé no arquivo da PIDE sérvelle a Susana de Sousa Dias como punto de partida para narrar, coma xa fixera en filmes anteriores (48, Natureza morta), algunhas historias que están detrás dos mecanismos de represión política da ditadura portuguesa. A través da rede de memorias políticas e persoais dos fillos do militante comunista Octávio Pato (1925-1999), Luz Obscura reflexiona sobre o poder, a imaxe, o recordo e os efectos que tivo un sistema autoritario na intimidade dunha familia.


MARTES 27  | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL DE PONTEVEDRA

OUTRO PAÍS

Sérgio Tréfaut, 2000, 70 min., VOSE

Lingua orixinal: portugués

A descoberta da democracia e o desmantelamento do último imperio colonial europeo tralo golpe militar de 25 de Abril de 1974 colocaron a Portugal no primeiro plano da actualidade internacional. Durante a Revolução dos Cravos algúns dos maiores fotógrafos e documentalistas do mundo desembarcaron en Lisboa para recoller as imaxes deste acontecemento: Glauber Rocha, Robert Kramer, Thomas Harlan, Pea Holmquist, Sebastião Salgado… Que foi o que descubriron en Portugal? Cales eran os seus soños e expectativas? Que quedou do soño revolucionario? En 1999, o realizador Sérgio Tréfaut decide facer unha pesquisa sobre os milleiros de rexistros fotográficos e fílmicos espallados polo mundo e practicamente esquecidos en Portugal para compoñer un retrato dun dos momentos máis relevantes da historia portuguesa.


Cartel composto e impreso no obradoiro tipográfico de Alouette Machine, en Insuela, Cotobade

O Cineclube Pontevedra é unha asociación sen ánimo de lucro cuxo funcionamento e financiamento depende fundamentalmente das achegas económicas que realizan periodicamente as súas socias e socios, cara a quen están dirixidas as súas actividades. Asóciate!

Está pasando!