El Combo Dominicano traerá ata Samieira o seu último espectáculo, Adrenalina Tours

26 Xullo 2024

  • O Concello de Poio continúa programando propostas itinerantes polas diferentes parroquias para dinamizar a actividade e encher de vida diferentes espazos, con propostas variadas e de calidade
  • Habilitaranse aparcamentos disuasorios na contorna do campo de fútbol Río de Bois

O Concello de Poio continúa programando propostas itinerantes polas diferentes parroquias do municipio, coas que dinamizar a actividade socioeconómica e encher de vida todos os lugares do municipio, con propostas variadas e de calidade.

Dentro desta programación, a orquestra El Combo Dominicano actuará o vindeiro xoves, 1 de agosto, en Samieira. Será a partir das 23.00 horas no campo de fútbol Río de Bois.

O alcalde, Ángel Moldes, e os concelleiros Fran Dasilva e Manuel Domínguez, reuníronse con representantes da Comisión de Festas de Samieira, do Grupo de Carnaval de Samieira e do Club Ciclista de Samieira para presentar o concerto e comezar con todos os preparativos.


Presentación da actuación do Combo Dominicano | © Concello de Poio

A orquestra canaria, unha das máis recoñecidas actualmente no mundo das verbenas, traerá ata Samieira o seu último espectáculo, Adrenalina Tours, un show cun novidoso repertorio musical e cunha nova proposta escénica.

Na contorna de Río de Bois habilitaranse aparcamentos disuasorios sinalizados para favorecer a mobilidade e o acceso seguro ao recinto do concerto e facilitar o acceso a todas as persoas que se esperan, xa que esta é unha das orquestras que cada verán mobilizan a un maior número de persoas para disfrutar dos seus espectáculos.

MÁIS CANTOS NA PRAZA DE LIÑARES

Por outra banda, este sábado, 27 de xullo, Máis Cantos dará un concerto na Praza de Liñares, organizado polo Concello de Poio. A partir das 19.30 horas e con entrada gratuíta, o grupo interpretará varias cancións do seu repertorio.

Máis Cantos é unha iniciativa musical e cultural destinada a transmitir, fomentar e vivir o canto tradicional, popular e cantos de taberna a todo tipo de públicos. Creada e dirixida por Nelson Quinteiro, organiza, ao longo de todo o ano, actividades de lecer e experiencias arredor da música, o ritmo e o canto.

Está pasando!