O Concello da Estrada convoca o XXXV Premio de Novela ‘Manuel García Barros’

20 Xaneiro 2023

O Concello da Estrada, sensible co proceso cultural de Galicia, entende que un dos bens máis prezados desta Comunidade é o da creación literaria, aspecto de salientable significación no marco da Lingua e da Cultura, que redunda nun amplo desenvolvemento da propia identidade.

Neste marco de referencia enténdese que calquera estímulo positivo facilita e posibilita unha mellora no eido da Literatura e é polo que así entendido, no proceso de normalización cultural, crea: O Premio de Novela ‘Manuel García Barros’ (Ken Keirades). Ademais, deste xeito, quere testemuñar a admiración e respecto e manter a presenza do ilustre académico e galeguista Don Manuel García Barros, mestre e fillo deste Concello, contribuíndo así ao espallamento da súa persoa e máis a importante achega  que a súa obra fixo ás Letras Galegas.

O Concello da Estrada en colaboración coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Editorial Galaxia convoca o XXXV Premio de Novela ‘Manuel García Barros’ (Ken Keirades), cunha dotación económica de 9.000 euros, que se outorgará indivisiblemente nun único premio.

Poderán concorrer ao premio autoras e autores de calquera nacionalidade que presenten os orixinais escritos, acordes coa normativa oficial vixente en lingua galega, agás os gañadores das últimas 5 edicións. Os textos presentados deberán ser inéditos e totalmente orixinais.

Os orixinais serán presentados por quintuplicado en papel tamaño folio ou en holandesa, mecanografados a dobre espazo e encadernados en espiral, acompañadas dun CD no que se incluirá a obra en formato PDF, antes do 1 de abril de 2023 na Casa do Concello, Praza da Constitución, 1 – 36680 A Estrada (Pontevedra).

As bases publicaranse na web municipal www.aestrada.gal, na app do Concello e nas súas redes sociais.


Está pasando!