‘O que arde’ (Oliver Laxe, 2019)

A Guarda acolle o Ciclo de Concienciación Medioambiental “Sostendo o futuro”

29 Abril 2021

O Concello da Guarda pon en marcha un ciclo de actividades coa finalidade de tomar conciencia en torno aos valores de sostebilidade e coidado da nosa contorna.

Para este fin escolléronse actividades de diferente natureza que nos axuden a preguntarnos, dende diferentes posicións, sobre o noso día a día e a consecuencia de accións cotiás e insignificantes aparentemente.

A primeira das actividades terá lugar o sábado 8 de maio ás 19:30 h. no Centro Cultural da Guarda e será a proxección do filme “O que Arde”, do director franco-galego Oliver Laxe, que nos traslada á importante problemática da xestión forestal e dos incendios que cada verán asolan os nosos bosques. E como a finalidade é xerar conciencia e aprender con estas actividades, a proxección do filme irá seguida dun breve debate no que analizar co público as diferentes temáticas que se abordan no filme.

Para o venres 21 de maio, a proposta será unha charla a cargo de Amigos da Terra que terá lugar ás 20:00 h. no Centro Cultural e que tratará sobre a necesidade de cambiar o noso actual modelo de consumo de “usar e tirar”, por un modelo que se achegue o máximo posible aos principios da economía circular, que procura o alongamento da vida útil de bens de consumo como os aparellos electrónicos ou a roupa. Esta charla será impartida tanto nos centros educativos de primaria do municipio, onde terá lugar en horario de mañá, como no Centro Cultural para o público xeral en horario de tarde. Amigos da Terra é unha organización que ten entre os seus obxectivos protexer o medio ambiente e promover alternativas baseadas no desenvolvemento sostible.

O sábado 5 de xuño é o día do Medio Ambiente e para conmemoralo optouse por unha actividade que divulgue a nosa contorna mais inmediata: as nosas árbores. Cada día paseamos pola nosa vila e descoñecemos as características e singularidades dos nosos xardíns, polo que este roteiro busca por en valor o patrimonio natural da nosa vila da man de A Jalleira, asociación forestal e de educación ambiental que conta con gran experiencia neste ámbito. Debido ás limitacións de aforo o roteiro realizarase en dúas quendas: o sábado 5 de xuño en horario de 18:00h a 20:30h e o domingo 6 de xuño en horario de 10:00h a 12:30 h.

Xa para pechar este ciclo e ás portas do verán, chega unha proposta infantil coa compañía Títeres Entucasa sobre a contaminación das nosos océanos, concretamente de como o incremento dos plásticos afecta ao plancton e aos cambios no hábitat das especies mariñas. A representación de “Operación Plancton” será o sábado 19 de xuño na Praia do Muíño, ás 18:00 h.

Todas estas actividades precisan de inscrición previa en centrocultural@aguarda.es


Está pasando!