A Guarda continúa coas actividades programadas para outubro, con accións medioambientais, teatro, música, eventos deportivos, obradoiros, exposicións e moito máis

14 Outubro 2022

Nesta fin de semana o sábado día 15 de outubro terá lugar a Limpeza Simultánea de Praias organizada por ADEGA, que desta volta acada a súa XI edición, esta xornada de voluntariado ambiental ten o propósito de concienciar a sociedade na loita contra a contaminación mariña.

Este ano o Concello da Guarda adheriuse a esta limpeza e acollerá este evento na xornada do sábado día 15 de outubro a partires das 11:00 horas na Praia do Codesal. Podes realizar a túa inscrición no Concello da Guarda chamando ao 986 61 0000


Tamén na xornada deste sábado día 15 de outubro no Centro Cultural poderemos ver ás 20:30 horas a representación teatral ‘Smoke on the water’ de Ibuprofeno teatro.

Unha historia de sexo, drogas e rock&roll que nos traslada á unha posible recreación da vida de Janis Joplin na súa madurez. Esta peza é a última produción de Ibuprofeno Teatro, quen xa estivo na Guarda con propostas como O Furancho, Raclette, A filla de Woody Allen…Nesta ocasión cambia radicalmente o ton e a temática para trasladarnos a unha historia de curte mais sórdido dentro dun enredo amoroso-financieiro con final sorprendente, como é habitual no corte da compañía. É de destacar a calidade do elenco e a música en directo, especialmente para os amantes do rock.


‘Smoke on the water’ | © Concello da Guarda

Para o sábado 22 de outubro o Centro Cultural da Guarda acolle ás 20:00 horas o concerto ‘Reserva 15 anos’ de Coiro Vello.

O domingo día 23 de outubro é a quenda do deporte coa novena edición da  xa tradicional 15K do Atlántico Banco Mediolanum, unha das probas de referencia no calendario do atletismo galego. A proba deportiva referente do running galego que reunirá este ano ao redor de 600 corredores na 15k categoría e 200 na categoría de andaina,  empregando parte do percorrido do Camiño Portugués da Costa que conduce a Santiago. ç

A proba conta cunha parte solidaria, onde doarase un euro de cada inscrito a DOWN Vigo, así como a apertura dunha fila 0 en ‘Mi grano de arena’, para intentar recadar unha maior cantidade de recursos para dita asociación. As inscricións seguen abertas ata o 19 de outubro na web oficial do evento https://bancomediolanum15kseries.com/


© 15K do Atlántico Banco Mediolanum

O martes 25 de outubro terá lugar o obradoiro para a creación de filtros de realidade aumentada, Social Pilgrims II, unha actividade orientada a un público xeral a partir dos 12 anos e que forma parte do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia.  O taller levarase a cabo nunha aula municipal no Concello da Guarda ás 19:30 horas. A actividade, que é de balde, se pode inscribir calquera persoa interesada no mail de OMIX A Guarda informacion@aguarda.es

O sábado día 29 de outubro terá lugar a primeira representación teatral para público familiar da man da Compañía Pedras de Cartón coa obra ‘O Quixote’ ás 18:00 horas no Centro Cultural, non é precisa inscrición previa.

Ata o 21 de outubro continúa nos baixos do Concello a exposición ‘Galiza profunda. interpretacións do rural galego mediante ilustración e fotografía contemporáneas’. Galiza profunda quere facernos reflexionar sobre a dicotomía entre a fermosura do rural xunto coa potencia e riqueza do mesmo e as causas para o seu difícil desenvolvemento. Como, a pesares de termos todo a prol nosa, o contexto social e político logrou que non avanzaramos nestes séculos todo o que mereciamos.

O Concello da Guarda, a través da Concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller, programa para outubro e novembro a iniciativa ‘Historias de mulleres guardesas’, unha alternativa de ocio cultural e saudable na que o eixo principal son as historias de mulleres da vila que destacaron nas súas diferentes épocas por diversas razóns.


Nos roteiros, que terán lugar o 14 e 28 de outubro en horario de 20:00 a 21:00 horas e que sairán dende a Praza do Reló, falarase dunha serie de mulleres, todas veciñas da Guarda, que dun xeito ou doutro forman parte do imaxinario colectivo e da historia da vila, cunha breve achega biográfica para lembrar como foi ou como é a vida destas mulleres e poñerlle cara amosando fotografías para que todos/as os/as participantes as recoñezan.

O broche destes roteiros poraos o artista Tino Baz cunha intervención musical. As inscricións están xa abertas na recepción do Concello, chamando ao 986610000 ou no enderezo electrónico conserje@aguarda.es. As actividades son gratuítas e as prazas limitadas.


Está pasando!