Presentación da cartelería da XXVIII Festa da Arribada | © Concello de Baiona

O Concello de Baiona volve á esencia cultural da Festa da Arribada cunha ilustración protagonizada pola Carabela Pinta e a Fortaleza de Monterreal como cartelería de promoción da edición de 2024

2 Febreiro 2024

O valo publicitario municipal instalado na Avenida da Foz do Miñor na entrada de Baiona acolleu o acto de presentación da cartelería da XXVIII Festa da Arribada que se celebrará en Baiona a primeira fin de semana de marzo, 1, 2 e 3 de marzo.

A cartelería desta edición XXVIII rompe coa estética dos últimos anos e volve á esencia da festa, a chegada da Carabela Pinta ao porto de Baiona e ao rigor histórico, todo iso baixo a técnica da ilustración de Nuria Bouzas Loureiro.

O Alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, destacou na súa intervención que “o cartel se encargará de poñer a Baiona no mapa como o porto de chegada do regreso da viaxe de América, por iso quixemos que estas dúas ferramentas únicas de promoción, a propia Carabela Pinta, e a Fortaleza de Monte Real, sexan as protagonista da cartelería. Trátase dun cartel que na súa esencia representa a orixe da nosa festa: a Arribada da Carabela Pinta a nosa Vila. O rexedor explicou que a ilustración “busca volver á orixe e á esencia da festa atrapando a visión do maior número de xente posible cunha imaxe radicalmente sinxela iso si con moita técnica detrás pois é unha ilustración feita a man”, indicou. “Nos últimos anos a cartelería da Arribada ía soamente centrada no que é “festa” pero quixemos que a xente lembre a Baiona non soamente por iso senón tamén polo feito histórico”, matizou.

O Alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, acompañado polo seu equipo de goberno, presidiu o acto, no que interveu tamén a Concelleiro de Turismo, Sheila González Martins, e o Xefe de Sector Provincial de Correos, Miguel Blanco González,

A ilustradora do Cartel, Nuria Bouzas Loureiro, Doutora en Belas Artes e especialista ilustradora comentou en canto á ilustración que “se quixo rescatar a orixe da propia festa da Arribada e por iso é polo que se collese como protagonista do Cartel á Pinta xunto coa Fortaleza por ser un dos emblemas da localidade”.


Cartaz da XXVIII Festa da Arribada obra de Nuria Bouzas Loureiro | © Concello de Baiona

Posta en marcha unha nova forma de difusión da Arribada

A Concelleira de Turismo foi a encargada de explicar a campaña de promoción desta edición 2024: “Puxémonos a traballar nunha nova forma de difusión da Arribada, buscando alternativas aos medios tradicionais e atopamos en correos un socio colaborador moi importante. As imaxes da nosa Festa de Interese Turístico Internacional e a cartelería estarán durante todo este mes en 40 das oficinas de maior afluencia de correos de Madrid, de Castela e León e das principais cidades galegas”. Con esta colaboración preténdese “ dar un paso máis aló e que a Arribada chegue máis lonxe en palabras da concelleira: “Queremos que a Festa da Arribada sexa o principio da tempada para que os visitantes cheguen a Baiona e que non veñan soamente para quedar esa fin de semana senón que cheguen días antes ou queden días despois para poder gozar de Baiona, do destino e de todo o que ofrece o seu entrono”.

Por parte de correos, Miguel Blanco González, Xefe de Sector Provincial de Correos destacou que “Desde Correos, queremos contribuír para seguir expandindo a marca de Baiona, a marca da Arribada, desde a oficina de Baiona a Cibeles, desde a Praza de Compostela a Valladolid, desde A Coruña a rúa Goya de Madrid, porque con 88 millóns de visitas o ano, Correos é uns dos destinos máis visitados do noso país que poñemos ao dispor do Concello de Baiona para atraer o maior número de visitantes posibles”.

Está pasando!