Presentación da nova edición do Mercado Ecolóxico e Artesanal | © Concello de Bueu

O Concello de Bueu celebra o domingo 27 de novembro un novo Mercado Ecolóxico e Artesanal

18 Novembro 2022

  • O aparcadoiro de As Lagoas acollerá unha carpa na que haberá máis dunha vintena de postos e actividades diversas durante toda a xornada
  • Félix Juncal, alcalde da vila, salienta que “proxecto asentado que naceu hai máis dunha década e que demostra o compromiso polos produtos locais e a concienciación na sociedade”

O Concello de Bueu celebra o próximo domingo 27 de novembro unha nova edición do Mercado Ecolóxico e Artesanal, que terá lugar na carpa dos Xardíns de Urbano Lugrís – As Lagoas e no que se poderán mercar durante toda a xornada produtos ecolóxicos, gastronómicos e artesanais, ademais de gozar de actividades diversas.

Félix Juncal, alcalde de Bueu, salientou na rolda de prensa deste xoves que “é un proxecto cun longo percorrido e que demostra o compromiso deste goberno polos produtos locais e a concienciación na sociedade”, ao tempo que fixo fincapé en que todos os produtos que se venden no mercado contan cos correspondentes distintivos de calidade, o que forma parte da estratexia do Concello de aposta pola produción e o consumo de proximidade e con todas as garantías sanitarias, que é algo que valoran as persoas que se achegan a el. Niso incidiu tamén Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, quen puxo o foco na variedade das actividades, “pois este é un mercado concibido para pasar todo o día en familia na vila, e co que sempre ofrecemos propostas diferentes e que sexan de proveito para o público asistente”.

O mercado constará de máis de vinte postos nos que estarán representados sectores de alimentación, artesanía, comercio xusto, saúde e benestar, queixos, meles, viños, pan, embutido ou horta, entre os que a cidadanía poderá mercar en horario ininterrompido de 11:00 a 20:00 horas.

Ademais, e como vén sendo habitual, ao longo de toda a xornada están previstas diversas actividades, tal e como explicou Sonia Cabodevila, técnica de desenvolvemento local municipal. Así, ás 12.00 horas terá lugar unha cata de cervexa de mirabel con Salvador Martínez Valladares, de Mirabel do Rosal, que é unha empresa produtora e transformadora en ecolóxico de mirabel; ás 12.30 horas, Xosé Antón Arauxo, Presidente da Comunidade de Montes de Couso (Gondomar) impartirá unha charla na que falará das “Experiencias de xestión agroforestal”, e presentará algunhas das iniciativas que puxeron en marcha dende o colectivo para aproveitar o monte doutras formas, como a través do cultivo de cogomelos ou froitos do bosque. Ás 13.15 horas actuará a charanga BCB, e ás 17.30 horas terá lugar o obradoiro infantil de elaboración de queixos a cargo da empresa Valilongo, no que se ofertarán 25 prazas con inscrición previa de balde a través dun formulario dende a web municipal. Ademais, para o xantar haberá un posto gastronómico a cargo de Il Popolo con especialidades do outono e de tempada no que, entre outros, haberá oferta culinaria con setas ou vegana.

Este mercado xa conta con máis de dez anos de historia, e foi posto en marcha con diversos obxectivos, entre eles, diversificar e consolidar a economía local partindo do consumo responsable e a produción sustentable, aproveitando os recursos endóxenos con criterios de responsabilidade social, económica e ecolóxica; contribuír á conservación e recuperación da cultura rural e tradicional, con especial relevancia dos oficios tradicionais, a sabedoría popular e campesiña, e as formas de uso e xestión sustentable dos recursos naturais; e conservar a biodiversidade biolóxica e os agrosistemas asociados ás actividades produtivas de carácter local, ecolóxico e artesanal.

O proxecto demostra o compromiso do goberno bueués polos produtos locais e a concienciación medioambiental na sociedade, de aí que, ademais da venda de produtos locais, de quilómetro cero, e de tempada, se sume unha ampla e variada programación con actividades paralelas que permitirán aprender e gozar dun día en familia.


Está pasando!