O Concello de Bueu organiza este sábado unhas xornadas sobre ‘O Polbo de Bueu’ e unha ruta gastronómica que se celebrará o 27 de agosto

17 Agosto 2021

O Estaleiro da Banda do Río, moi vinculado coa tradición mariñeira de Bueu, será o escenario elixido para as xornadas de promoción do Polbo de Bueu que organiza o Concello de Bueu coa colaboración da Confraría de Pescadores de Bueu.

Co obxectivo de continuar a poñer en valor o polbo, o próximo sábado, 21 de agosto, terán lugar unhas xornadas que comezarán ás 11:30 horas cunha conferencia a cargo de José Manuel Dopazo Entenza, filólogo bueués titulada ‘Polbo, un termo en discusión’, na que se falará sobre o significado da palabra ‘polbo’, seguido dunha mesa redonda sobre a pesca do polbo na que participarán José Manuel Rosas, patrón maior de Bueu, e Yaqui Lista, mariñeira de Camariñas.

Esta mesa servirá para explicar as formas de captura deste cefalópodo nas diversas rías galegas. O acto estará conducido por X.H. Rivadulla Corcón, escritor e presentador galego, recoñecido por programas de contido mariñeiro como ‘O clan das mariñeiras’, ‘Pescadores de historias’, ‘Ribeiras de Salitre’ ou ‘Náufragos’. Ao remate, actuará o grupo Anda Roda, que tocará pezas tradicionais e vinculadas á Illa de Ons.

Estas xornadas continuarán o 27 de agosto cunha ruta gastronómica, na que se descubrirá a historia e os segredos do polbo, o Bueu mariñeiro, e rematarase coa degustación dunha tapa de polbo na Praza de Abastos. Esta ruta terá un custe de 6 euros por persoa.

Para todas as actividades se respectarán as medidas Covid-19 e por iso é preciso que as persoas que desexen asistir se inscriban previamente a través dun formulario dende a web municipal.


Está pasando!