O Concello de Marín prepara unha convocatoria segura dos campamentos de verán

1 Marzo 2021

A conciliación é unha das cuestións que máis preocupan ás familias, aínda máis nesta situación de pandemia, onde cambiaron os ritmos de vida, afectando de xeito directo á ordenación familiar.

Por iso, o Concello está xa a traballar para que, de cara ao verán, poidan retomarse de novo os campamentos de conciliación, tanto no casco urbano como no rural, dado que existen “protocolos específicos” que se poden seguir para o control dos rapaces e rapazas para poder velar polo cumprimento de todas as medidas sanitarias en vigor, algo que non acontecía o pasado ano.

Tal e como adiantou a concelleira de Benestar Social, Marián Sanmartín, “o noso obxectivo é ter todo preparado para abrir unha convocatoria segura, que se axuste ás condicións actuais e que permita ofrecer este servizo de conciliación tan demandado pola cidadanía e que tan ben funcionou sempre”.

Por tanto, haberá convocatoria para os meses de xullo e agosto. Dentro desas preparacións ás que facía referencia a concelleira, xa se tomou a decisión de suprimir 25 prazas nos campamentos urbanos do Sequelo nas dúas quincenas de xullo, nas que había 75 prazas no 2019. “Deste xeito, quedarían todas as quincenas, as catro xuntando xullo e agosto, con 50 prazas ofertadas en cada unha delas nos campamentos urbanos, de maneira que os grupos non sexan tan numerosos, e 25 nas dúas quincenas nos campamentos rurais”.

En total, por tanto, haberá 200 prazas para os campamentos urbanos e 50 para os do entorno rural. O obxectivo é pode ter un aforo controlado, que poida garantir en todo momento a seguridade dos nenos e nenas participantes.

Nesa mesma liña, suspenderase a festa de fin de campamento que se realizaba todos os anos o último día de agosto, na que se xuntaban os participantes de todas as quincenas e as súas familias.

Os campamentos desenvolveranse de 09.00 a 14.00 horas, incluíndo sempre a opción para o Plan Madruga ás 07.30 horas, para nenos e nenas de idades de 3 a 12 anos, é dicir, de Educación Infantil e Primaria.

Está pasando!