O Concello de Nigrán abre o Entroido o sábado 18 co concurso de comparsas

11 Febreiro 2023

  • O monologuista Pepo Suevos será o presentador do certame e a batucada ‘Bate no Cobre’ animará as rúas na apertura do desfile e durante a deliberación do Xurado
  • A programación municipal inclúe entroido infantil o luns 20, baile e concurso de disfraces o martes 21, excursión á festa do lacón con grelos de Cuntis o 26 e, como peche, o ‘Enterro do Kiko’ o 4 de marzo

O Concello de Nigrán inaugura o sábado 18 de febreiro a programación de Entroido co tradicional concurso de comparsas presentado polo coñecido monologuista Pepo Suevos e con animación de rúa a cargo da batucada ‘Bate no Cobre’ na apertura do desfile e durante a deliberación do Xurado. En total, participarán preto de mil persoas repartidas en 13 comparsas de toda a comarca, sumando a máis numerosa delas 108 integrantes e a que menos 43. O desfile, como é habitual, comezará ás 21:00 horas e irá desde a rúa Telleira ata a Casa Consistorial e o fallo e achega de premios será in-situ. En caso de previsión de choiva a data mudaría para outra que se anunciaría con suficiente anticipación.

A programación do Concello continúa o luns 20 de febreiro cunha festa de entroido infantil no Auditorio Municipal desde as 17:30 horas e, ao día seguinte, martes 21 desde ás 18:30 horas, organízase un baile con música en directo do trío Azar e concurso de disfraces para todos os públicos con premio para o disfrace máis simpático, máis elaborado e parella máis danzarina.

O entroido nigranés proseguirá cunha excursión para maiores o domingo 26 de febreiro á ‘Festa do Lacón con Grelos’ de Cuntis, evento para o que o Concello abrirá o 15 e 16 de febreiro o prazo de inscrición previa (de 09:00 a 12:00 horas no Pavillón de Panxón).

O seguinte prato estrela do entroido nigranés será a tarde do sábado 4 de marzo co tradicional ‘Enterro do kiko de Parada’ que, unha vez máis, partirá desde a Casa do Concello tirado por un carro de bois para ser velado e sentenciado no Torreiro de Parada, onde haberá festa durante toda a tarde-noite.

Esta peculiar celebración naceu da man do Centro Cultural e Recreativo Parada do Miñor como alternativa ao típico ‘Enterro da Sardiña’, xa que a parroquia non ten mar pero si presume de múltiples galiñeiros con “kikos” (ata o punto de que é a figura que representa á entidade). Ao longo de preto dunha década de vida foi adquirindo sona na localidade e, o que comezou como unha festa entre veciños, é hoxe en día un evento de referencia no municipio ao incluír o Concello hai 8 anos a saída da comitiva desde o Auditorio Municipal e co kiko tirado por un carro de bois.


Está pasando!