O Concello de Nigrán asume a organización das festas de San Xoan co Grupo América, un monólogo de Sergio Pazos, a Banda de Música do Val Miñor, a Brilat e o encontro ‘As xentes do mar’

16 Xuño 2022

  • Ante a ausencia de comisión, este ano o Concello responsabilízase directamente a xestión das actividades socio-culturais entre os días 23 e 25 de xuño no propio peirao pesqueiro
  • No marco de Ciudad Ciencia e xunto ao Consello da Cultura Galega terá lugar a xornada ‘As xentes do mar’ o día 25, na que o influencer e mariñeiro Rogelio Santos Queiruga conversará coa peixeira xubilada de Panxón Laura López, e a técnica do IEO-CSIC, Luisa Iglesias

O Concello de Nigrán asume este ano ao 100% a organización das festas de San Xoan de Panxón ante a ausencia de comisión. Así, ademais de confeccionar as tradicionais fogueiras na praia, como novidade nesta edición será o Concello quen, a través do seu programa ‘Música nas Parroquias’, ofrecerá toda a programación socio-cultural dos días 23, 24 e 25 de xuño regresando esta á contorna do Porto Pesqueiro tras obter o permiso de Portos de Galicia.

Así, as festas arrancarán na noite do xoves 23 co monólogo ás 20:30 horas do famoso cómico galego Sergio Pazos, quen a través deste espectáculo ponlle humor á pandemia e introduce un necesario vis cómico á actualidade. Unha forma de ver a realidade da forma máis optimista posible. Xa ás 22:00 horas será a gran verbena a cargo de Grupo América.

Ao día seguinte, venres 24 de xuño, a Banda de Música do Val Miñor ofrecerá un concerto ao mediodía e, como xa ven sendo habitual, a Banda Militar da Brilat de Pontevedra realizará un pasarrúas por Panxón e posterior concerto ás 21:00 horas.

‘As Xentes do Mar’

O gran remate destas festas será a xornada ‘As Xentes do Mar’ organizada xunto ao CSIC en Galicia, no marco do programa Ciudad Ciencia, e co Consello da Cultura Galega.

Esta terá lugar o sábado 25 de xuño ás 20:00h dentro da Lonxa de Panxón. A actividade consistirá nun encontro público e conversa entre Laura López, peixeira de Panxón xubilada de 85 anos; Rogelio Santos Queiruga, mariñeiro de Porto do Son, influencer e defensor da sustentabilidade da pesca; e Luisa Iglesias García, Técnica Superior do Grupo de Peixerías do Centro Nacional IEO-CSIC de Vigo. Estará moderada por Luisa Martínez, responsable da Unidade de Cultura Científica do CSIC en Galicia, e o obxectivo da mesma é fomentar o debate sobre o estado da pesca, a sustentabilidade, a conservación da biodiversidade ou a aparición de especies invasoras, a través da traxectoria profesional das persoas convidadas.

O presente ano 2022 foi declarado pola Asemblea Xeral de Nacións Unidas como o Ano Internacional da Pesca Artesanal baixo o lema: “Pequena escala, gran valor” e ao mesmo tempo, enmárcase na celebración do Decenio das Ciencias Oceánicas para o Desenvolvemento Sostible ata o ano 2030. Por iso, co gallo destas celebracións e precisamente coincidindo coas festas patronais de Panxón (parroquia de ancestral tradición mariñeira) o Consello da Cultura Galega, o Concello de Nigrán e o CSIC ofrecen esta xornada.


Está pasando!