O Concello de Nigrán ofrece este ano o seu programa de Samaín máis completo e truculento ata a data

26 Outubro 2022

Visitas teatralizadas ao Cemiterio do Ceán, obradoiros de cociña, recollida de cogomelos, contacontos e festa de disfraces centran un Samaín de Nigrán adicado á infancia.

Este estará centrado na infancia e comeza o venres 28 coa estrea do contacontos ‘Samagostín’ e remata o propio martes 1 de novembro coa tradicional festa de disfraces no Auditorio. Entremedias será o obradoiro de ‘Galletas terroríficas’ de Chupipostres (sábado 29, domingo 30 e luns 31 no CEE de Panxón previa inscrición en www.nigran.es), as visitas teatralizadas o luns ao cemiterio do Ceán a cargo de Teatro do Ar (tamén con inscrición previa en www.nigran.es) e ese mesmo día o roteiro micolóxico para a infancia en Camos desde as 11:00 horas. Paralelamente, o Auditorio estará desde hoxe decorado coas cabazas confeccionadas polos usuarios do Centro Municipal de Persoas con Enfermidades Neurodexenerativas en Panxón.

“A celebración do Samaín é xa unha tradición consolidada para a infancia e desde Nigrán quixemos darlle un pulo engadíndolle un contido máis enraizado na nosa cultura celta”, explica o alcalde, Juan González.

Así, a programación arranca este venres 28 de outubro ás 19:00 horas no Auditorio Municipal coa presentación de ‘Samagostín’, novo libro de Solaina que inclúe o contacontos e actividades para crianzas de 4 a 8 anos. “Todo acontece o día de Samaín. A vida tranquila dunha araña bailarina e un gato músico vese alterada cando chega a súa casa unha bruxa malvada. Contarán coa axuda duns seres negros e escuros coma eles para dar resulta esta situación”.

Desde o día seguinte e en tres sesións diferentes (sábado e domingo ás 11:00 horas e luns ás 17:30 horas) a cociña do CEE de Panxón acollerá o ‘obradoiro terrorífico de galletas’ a cargo de Chupipostres para crianzas empadroadas en Nigrán de 6 a 11 anos, tendo unha duración estimada de 2´5 horas. As prazas están limitadas a 15 por sesión e deberá realizarse inscrición previa a través dun formulario web en www.nigran.es, non puidendo repetir actividade un mesmo neno/a. Os asistentes realizarán a masa das súas propias galletas, as fornearán e as decorarán con motivos de Samaín, levando para a súa casa todo o que cociñen.

O luns pola mañá, Día do Ensino e polo tanto non lectivo, o Concello ofrece un roteiro micolóxico guiado en Camos pensado especialmente para crianzas. O obxectivo é iniciar aos nenos e nenas no mundo dos cogomelos máis alá da recolección e da súa comestibilidade ou toxicidade, investigando sobre o terreo os distintos grupos de fungos, as súas adaptacións, as interrelacións con outras especies e a función fundamental que aportan para a saúde e a conservación dos ecosistemas forestais. A andaina será polo bosque de ribeira do río Táboas e o futuro parque forestal de Nigrán.

O mesmo luns 31, en dúas quendas de 45 minutos (inicio ás 19:30 e ás 20:30 horas) o Concello ofrece a través de Teatro do Ar (Premio ao Mérito Cultural 2022) unha visita teatralizada ao Cemiterio Municipal de Nigrán (San Fiz-Ceán), sendo preciso inscribirse previamente no formulario web do Concello www.nigran.es. Ilustres como Carlos Casares, Daniel Pazó ou o profesor Vázquez Grela cobrarán vida para coñecer e contar a súa historia aos seus actuais veciños. Estas visitas, segundo o director Pedro Villar, “tratarán de conxugar toda a información que temos dunha forma cómica e lixeira”.

Finalmente, o martes 1 de novembro desde as 17:00 horas o Concello ofrecerá no Auditorio Municipal a tradicional festa de disfraces de Samaín destinada a infancia e dirixida polo Mago Rei Midas. A entrada é de balde ata completarse o aforo.


Está pasando!