Presentación do festival ‘Cinema a pedal’ | © Concello de Nigrán

O Concello de Nigrán volve a invitar á cidadanía a pedalear para ‘prender’ o cine ao aire libre

9 Agosto 2023

  • O festival de cinema, deporte e medio ambiente ‘Cinema a Pedal’, único en toda España, regresa a Nigrán (esteiro de A Foz) o sábado 12 de Agosto ás 22:00 horas con 10 bicicletas que o público debe impulsar para que funcione o proxector. A partir das 19:00 haberá actividades para toda a familia.
  • «O ano pasado o estreamos en Nigrán por vez primeira en España e a experiencia foi moi divertida, asi que repetimos. Integra aspectos que nos interesan especialmente: o deporte, o traballo en equipo e, por suposto, o cine de calidade e o fomento do uso da bicicleta como medio de transporte sostible e saudable», refire o alcalde, Juan González
  • O festival será novamente punto de recollida de bicis e material deportivo usado a favor de ‘Recycling. Bicicletas solidarias’

“A túa enerxía alimenta o cinema, pedalea para que prenda o proxector”. Esta é a premisa do festival de cine, deporte e medio ambiente ‘Cinema a Pedal’ que, por segundo verán consecutivo regresa a Nigrán novamente como única cita en España, nesta ocasión o sábado 12 de agosto desde as 22:00 horas no escenario ao aire libre do esteiro de A Foz.

Tal e como xurdíu este evento promovido desde o Concello de Nigrán, a proposta é gozar dunha selección de películas de recoñecido prestixio que teñen como tema principal o uso de bicicletas nunha contorna natural máxica (nesta edición a curta ‘Padre e hija’, gañadora dun Óscar no ano 2000, e a longametraxe ‘El niño de la bicicleta’, dos irmáns Dardenne, Gran Premio do Xurado no Festival de Cannes 2011). Con todo, a gran diferencia é que o público debe pedalear nas 10 bicis facilitadas por Decathlon Vigo e Decathlon Nigrán para que a súa enerxía poña en funcionamento o proxector.


‘Cinema a Pedal’ | © Concello de Nigrán

O resultado é sorprendente: os asistentes aplauden o esforzo e van substituíndo aos primeiros ciclistas para que o filme non se deteña. O Festival Cinema a Pedal naceu en 2013 organizado pola Cinemateca Uruguaia en Montevideo e conxuga varios elementos: o amor polo cinema, o pracer de andar en bicicleta, a convivencia co medio ambiente, as vantaxes de levar unha vida saudable e a necesidade de utilizar enerxías renovables.

Á marxe disto, a programación inclúe desde as 19:00 horas o inicio da carga das baterías pedaleando e unha serie de actividades familiares. Ademais, no recinto instalarase un ecomercado de produtos de proximidade que poñen o foco nas vantaxes de levar unha vida saudable e na necesidade de usar enerxías renovables (neste apartado do festival colaboran entidades locais como a Cooperativa SomosTerra, Vanetta Food, Cervexa Artesá Banda ou La Isla de Tali).

«O ano pasado o estreamos en Nigrán por vez primeira en España e a experiencia foi moi divertida. Integra aspectos que nos interesan especialmente: o deporte, o traballo en equipo e, por suposto, o cine de calidade e o fomento do uso da bicicleta como medio de transporte sostible e saudable», refire o alcalde, Juan González, quen precisamente incluíu no goberno local a concellalía de ‘Cultura e Desenvolvemento Sostible’, abarcando o último aspecto o programa municipal ‘Vía Bici’ para facilitar o uso da bicicleta entre a veciñanza, un dos grandes obxectivos deste mandato.



A incorporación deste innovador festival ao panorama cultural estatal débese á paixón polo cinema e polo ciclismo das súas organizadoras, a directora artística de Cinemateca Uruguaia Alejandra Trelles, a xestora cultural e programadora Ana Gontad, e as creadoras de contido Patricia Menéndez e Tamara Alonso.

A organización fai fincapé na necesidade de promover este tipo de actividades para que o público tome conciencia da importancia do seu rol no coidado do medio ambiente e agradece o compromiso do Concello de Nigrán e o seu alcalde, Juan González, por acoller o festival “nunha poboación cun forte compromiso coa dinamización da bicicleta como ferramenta de gozo e medio de transporte sostible e saudable, tal e como pon en evidencia o continuo movemento de ciclistas polo carril bici que abeira o auditorio do Esteiro da Foz”.

Por último, o festival será novamente punto de recollida de bicicletas e material deportivo usado a favor de ‘Recycling. Bicicletas solidarias’, unha organización lalinense sen ánimo de lucro dedicada á recollida e restauración de bicis para donar a persoas con poucos recursos que poderán darlles unha nova vida.

Está pasando!