O Concello de Poio anuncia a ampla programación dunha nova edición das Festas de San Xoán

13 Xuño 2023

O Concello de Poio deu a coñecer o contido da programación das Festas de San Xoán, que, como xa é habitual, terán lugar entre os días 22 e 26 de xuño. Trátase dunha cita de referencia dentro da bisbarra de Pontevedra, que, un ano máis, contará cun gran número de actividades, entre as que destacan a tradicional sardiñada, o prendido da fogueira na noite máxica do 23 ao 24, a lectura do pregón e as verbenas, sen esquecer os actos relixiosos.

O inicio dos festexos terá lugar o xoves 22, ás 20.30 horas, coa interpretación do Himno de Galicia e a Danza de San Xoán, na que a comitiva participante percorrerá toda a rúa Fernández de la Mora ata chegar á Praza do Mosteiro.

Unha vez na Praza do Mosteiro, ás 21.00 horas, procederase á lectura do pregón, que este ano correrá a cargo do historiador, guionista e escritor Rodrigo Cota, que garda un estreito vínculo co municipio e que é un dos grandes defensores da teoría da orixe galega de Cristóbal Colón.

Nesta xornada tamén haberá a tradicional degustación de rosca e viño, amenizada coa actuación de Nelson Quinteiro e a Asociación Cultural Máis Cantos, xunto a unha charanga tradicional.

Tampouco faltará a entrega de premios do Concurso de Carteis de San Xoán. Nesta edición, o deseño elixido para ser a imaxe oficial dos festexos foi o realizado pola alumna do IES Carolina Cancela Corbacho. O resto de gañadoras e gañadores foron na categoría A (5-8 anos) Valeria Freire Estévez, veciña de Raxó e alumna do CEIP Chancelas. Na B (9-11 anos) a mellor obra correspondeu á de Inés Vázquez Portela, de Sameira e estudante tamén no CEIP Chancelas. Por último, no grupo C (12-13 anos) o cartel elixido foi o elaborado por Yohel Cappellino Outeda, veciño de Combarro e alumno do CEIP Espedregada. O cartel gañador do concurso correspondía á última categoría, a D, para rapaces e rapazadas de idades comprendidas entre os 14 e os 17 anos.



Xa o venres 23, ademais das alboradas matutinas que se prolongarán ata o luns, desde as 18.00 horas desenvolverase outra das citas emblemáticas das Festas de San Xoán, como é a recollida de herbas de San Xoán, organizada pola Asociación Cultural Ronsel. A esa hora está prevista a saída desde o local social de Sartal, coa participación das Pandeireteiras do Ronsel. A partires das 21.30, a explanada da Seca acollerá a sardiñada, con prezos populares, que precederá á primeira das verbenas da programación, a cargo da Orquestra Marbella. Ás 23.30 iniciarase o espectáculo de lume previo ao prendido da gran cacharela, para espantar os malos espíritos.

O sábado 24, día do patrón, haberá ás 12.00 horas unha misa solemne na honra de San Xoán Bautista, coa actuación da Coral Virxe da Renda, seguida dun concerto a cargo da Banda de Música de Cabral. Pola noite chegarán as actuacións das orquestras Gran Parada e Ritmo Joven.

O domingo 25 os actos relixiosos serán na honra de Santa Trahamunda, desde as 12.00 horas coa actuación da Coral de Poio. Ás 13.00 horas realizarase a Subida a San Martiño, coa compaña do grupo folclórico Vides Novas. Tamén actuará a Banda de Música de Arcade. No serán, ás 20.00 horas celebrarase un concerto a cargo da Escola de Acordeóns en San Martiño, mentres que pola noite, desde as 21.30 horas, haberá unha gran verbena na Seca con Panamá e o Combo Dominicano.

Por último, o luns 26 a misa solemne do mediodía será na honra de San Fructuoso, coa Coral Virxe de Fátima, e posterior concerto da Banda de Música de Vilaboa. A Escola de Acordeóns repetirá actuación ás 20.00 horas, esta vez no Pereiro, e a última verbena nocturna da programación correrá a cargo de Olympus e Os Satélites. A gran tirada de fogos de luz porá o broche de ouro ás Festas de San Xoán.

O Concello de Poio lembra, asemade, que este xoves 8 de xuño abrirase o prazo para a comunicación das grelladas para locais de hostalería, así como para cacharelas en espazos privados ou públicos na noite de San Xoán. O período permanecerá aberto ata o mércores 21 inclusive. No caso das solicitudes para a festividade de San Pedro, deberán presentarse entre os días 22 e 26 de xuño, ambos incluídos. As tramitacións realizaranse preferentemente a través da Sede Electrónica do Concello, operativa as 24 horas do día. No seu defecto, tamén será posible facelo mediante instancia presentada de xeito presencial no Rexistro Xeral do Concello.


 

Está pasando!