O Concello de Poio convoca o concurso para seleccionar o cartel promocional das Festas de San Xoán 2026

13 Abril 2026

O Concello de Poio convoca o concurso para seleccionar o cartel que vai promocionar as Festas de San Xoán deste ano. Poderán participar rapaces e rapazas empadroadas en Poio ou escolarizadas nalgún dos centros de ensino do municipio.

Para participar establécense cinco categorías, en función da idade: nenos de 5 a 6 anos (categoría A), de 7 a 9 anos (Categoría B), de 10 a 12 anos (categoría C); de 13 a 14 anos, (categoría D), e de 15 a 17 anos (categoría E).

De cada unha destas categorías escollerase un cartel gañador e, entre eles, seleccionarase o deseño que se utilizará para promocionar as festas deste ano, que se celebran entre o 22 e o 27 de xuño.

Ademais dun agasallo conmemorativo e de ser a imaxe promocional das Festas de San Xoán, os gañadores tamén recibirán vales para canxear nas librerías locais. Así, na categoría A, o vale será por importe de 60 euros, na categoría B, 80 euros, na categoría C 100 euros, na D 120 euros e na E, 140 euros.

Cada participante, sexa de xeito individual ou en grupo, poderá presentar unha soa obra, que deberá ser orixinal, inédita e non premiada nin publicada. O formato será din-A3, en formato dixital adaptable e o texto deberá estar escrito en galego e incluír ‘Festas San Xoán Poio, xuño 2026’. As bases completas pódense consultar na web concellopoio.gal.

Os traballos entregaranse en calquera dos centros de ensino de Poio ou na casa consistorial, ata o 15 de maio, acompañados dun sobre no que se incluirán os datos persoais da persoa participante, incluídos enderezo e número de teléfono, ademais do curso e centro no que estuda. No exterior do sobre só deberá constar a idade e a categoría na que participa.

O xurado encargado de analizar todas as propostas presentadas estará composto polo concelleiro de Festexos, Fran da Silva, así como por un representante de cada grupo da corporación municipal e por persoal técnico, que se reunirá o 20 de maio para fallar o concurso.

Está pasando!