O Concello de Ponteareas convoca a edición dos Xogos Florais

11 Abril 2021

A Concellaría de Cultura de Ponteareas abre a convocatoria para a VI edición dos Xogos Florais, un certame de poesía, no que os e as participantes se dividen en tres categorías: infantil, de 9 a 13 anos; xuvenil, de 14 a 18 anos e adultos, maiores de 18 anos.

As bases, que se poden consultar aquí, estabelecen que os textos deberán ser orixinais e inéditos, estar escritos en lingua galega e ser de tema libre.

A extensión mínima dos poemas será de 14 versos e a máxima de 40 e só se admitirá un poema por participante.

Todas as persoas interesadas teñen de prazo ata o vindeiro 30 de abril para entregar, quer presencialmente na biblioteca municipal (rúa Perillana, 11), quer a través do enderezo electrónico auditoriomunicipal@ponteareas.gal, os seus respectivos poemas.

O xurado encargado de valoralos estará presidido pola alcaldía ou persoa en quen delegue, e integrado por outras tres persoas vinculadas á literatura galega, ademais dunha persoa traballadora da Concellaría de Cultura, que actuará como secretaria con voz e sen voto.

As súas deliberacións serán secretas e delas estenderase a acta correspondente. A súa decisión farase pública con antelación á celebración do Día das Letras Galegas.

Os poemas premiados e aqueles que obtiveren o accésit serán publicados nun libro para a súa posterior difusión entre os centros de ensino e público en xeral.

Está pasando!