O Concello de Pontevedra anima a mercar no comercio local neste Nadal coa campaña 2×1

8 Decembro 2023

  • A Concellaría de Promoción económica recórdalles aos Reis Magos, a Papá Noel e ao Apalpador que mercar no comercio pontevedrés fai feliz a quen recibe os agasallos e mellora a economía local
  • A campaña distribúe 27.000 flyers entre todos os domicilios do concello e cartelería entre os comercios de Pontevedra
  • Aproveitando o inicio do Nadal, o Concello de Pontevedra inicia unha campaña de promoción e visibilización do comercio local para que os cómplices e paxes do Apalpador, Papá Noel e dos Reis Magos fagan as súas compras no concello

A campaña leva o título «2×1 Cada agasallo mercado no comercio local de Pontevedra vale por dous» porque fai feliz á persoa que recibe o agasallo e mellora a economía de toda a cidade. A Concellaría de Promoción da cidade que xestiona Anabel Gulías iniciou a campaña cunha distribución de cartelería nos establecementos comerciais  e de folletos en todo o concello. En concreto, distribúesen 27.000 flyers oficiais da campaña en todas as vivendas de Pontevedra, tanto no casco urbano como nas parroquias a través do servizo de Correos.

A campaña vai dirixida aos Reis Magos e a Papá Noel na que se lles pide que merquen os agasallos no comercio local « para reforzar a economía de toda a comarca ». Logo dunha longa viaxe por todo o mundo, recórdalles que mercar en Pontevedra «todo son vantaxes» xa que «é todo máis ecolóxico e cómodo». Ademais «axudades a autónomos e pequenos comercios que fan que esta sexa unha cidade viva e marabillosa para vivir e visitar».

Esta campaña de visibilización do comercio local refórzase con actividades en todos os barrios cun programa que leva por título «Merca no barrio». Comezará a partir do día 16 de decembro en toda a cidade. 

O Mercado de Abastos tamén está incluído na campaña ao incluír o Mercado creativo e o Ganapán que comezan a súa actividade o 22 de decembro. 

No barrio da Parda e na rúa San Antoniño haberá unha acción singular e experimental para dinamizar as compras nestes barrios.


Está pasando!