Miguel Anxo Fernández Lores, Ledicia Costas e Demetrio Gómez Xunqueira | Concello de Pontevedra

O Concello de Pontevedra felicita a Ledicia Costas pola recente concesión do premio Barco de Vapor 2025

20 Xuño 2025

  • Na recepción o alcalde destacou a traxectoria da autora e o seu compromiso coa literatura infantil e xuvenil galega tras gañar o prestixioso premio con Feriópolis.
  • A escritora, que non poderá acudir este ano á Festa dos Libros, aproveitou para presentar esta cita coa literatura que terá lugar na Praza da Ferraría do 4 ao 6 de xullo e convidar á cidadanía a participar.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado polo concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez Xunqueira, recibiu esta mañá á escritora galega Ledicia Costas para felicitala polo recente éxito obtido coa concesión do premio El Barco de Vapor 2025.

Esta recepción serve de prolegómenos da vindeira Festa dos Libros, que terá lugar na cidade entre o 4 e o 6 de xullo, e áque a autora non poderá asistir pero á que quixo dar todo o seu apoio, animando á cidadanía a gozar desta cita co mundo do libro.

Durante a recepción, o alcalde destacou que “Ledicia representa o mellor da nosa cultura: creatividade, compromiso coa lingua e capacidade para conectar coas novas xeracións a través da literatura. É un orgullo para Pontevedra e para Galicia enteira”.

Pola súa parte, Ledicia Costas agradeceu o xesto institucional e afirmou sentirse “moi emocionada por recibir este recoñecemento por parte do Concello de Pontevedra. Síntome moi apegada a esta cidade na que sempre fun moi ben coidada, pola Festa dos Libros, o Salón do Libro e o Concello en xeral. Para min como autora é súper importante que un Concello como este, que aposta de maneira tan directa pola lingua galega, recoñeza e valore tamén un premio concedido máis aló das nosas fronteiras. Vou presumir por aí de que o Concello de Pontevedra tivo este detalle comigo, porque é un orgullo presumir dun Concello que pon por diante sempre diversidade e cultura, dous dos piares que rexen e sosteñen a miña vida.

Desde aquí aproveito tamén para facer a presentación da Festa dos Libros, que é un formato fresco e moi especial que demostra que hai unha maneira diferente de presentar unha feira de libros nun espazo de convivencia, icónico da cidade, onde convivan libreiras, lectores, ilustradores, escritoras,… 4, 5 e 6 de xullo en Pontevedra. Eu lamento non poder estar pero prometo estar sempre que poida tanto na Festa dos Libros coma no Salón”.

O edil de Cultura aproveitou para avanzar algunha información sobre o evento: “Como vedes temos xa o cartel da Festa dos Libros que se vai celebrar na Ferraría entre os días 4 e 6 de xullo. Temos confirmadas 12 librarías que vou citar – Aviones de Papel, Clip, D-Lectum, El Naranjo, El Pueblo, Espazo Lector Nobel, La Nube de Papel, Libraría Paz, Librería Escolma, Librería Metáfora e Librería Seijas e a máis noviña, Mononoke – porque a Festa dos Libros pode existir porque hai lectoras e lectores, pero sobre todo porque hai estas librarías que se esforzan en que a festa sexa un éxito todos os anos e porque temos un tecido de empresas culturais que é espectacular e consegue cada ano que esta festa sexa un referente ao que moitísimas autoras e autores queiran vir.

De feito, a día de onte, tiñamos confirmadas 49 autoras e autores que van pasar pola festa. Teremos actividades moi variadas, centradas na ilustración, faladoiros con xornalista, unha homenaxe ás protagonistas das Letras Galegas 2025, entregaremos o premio Pinto e Maragota, haberá recitais poéticos, música en vivo cunha sorpresa dun grupo de Pontevedra moi pouco coñecido pero que é unha marabilla escoitar. Estamos por pechar un programa moi intenso para pasar tres días arredor da literatura.

Está pasando!