Estatuillas Premios Feroz | Asociación de Informadores Cinematográficos de España

O Concello de Pontevedra sorteará 10 entradas dobres para asistir á Gala dos Premios Feroz como unha estrela

12 Xaneiro 2026

A concelleira de Promoción da cidade, Anabel Gulías, anuncia o sorteo de 10 entradas dobres ante notario, a habilitación de 900 prazas no auditorio para seguir a retransmisión e un cambio estratéxico na alfombra vermella para aumentar a visibilidade do público.


A concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, de a coñecer hoxe os preparativos finais dos Premios Feroz 2026, que se celebrarán o vindeiro 24 de xaneiro no Recinto Feiral.

A edil destacou que o obxectivo principal desta edición é “intentar devolverlle ás persoas, á veciñanza, pois todo o que nos están dando”, reducindo o peso institucional para maximizar a participación pública.

A gran novidade deste ano é a decisión de sortear 10 entradas dobres e nominais para asistir á gala presencialmente, ocupando o espazo equivalente a unha mesa xunto aos nomeados e autoridades. “Sabemos que é insuficiente para os 84.000 pontevedreses e pontevedresas, pero é un guiño para que a cidade siga estando presente en algo que é deles e delas”, explicou Gulías.

O sorteo realizarase ante notario este xoves, día 15, no Teatro Principal. As portas abrirán ás 16:00 horas para entregar os números e o sorteo comezará ás 17:00 horas. A concelleira subliñou as normas estritas: “Soamente se vai a entregar un ticket por persoa e a posesión do ticket é imprescindible para o sorteo”, engadindo que os gañadores deben estar presentes no momento da extracción do número ou a entrada volverá a sortearse (ou non, segundo decisión da organización). Estas entradas son nominais e dobles.

Ademais do sorteo, o Concello habilitará novamente o Pazo da Cultura para que 900 persoas poidan seguir a retransmisión da gala en directo nun ambiente festivo. Como incentivo, Gulías confirmou que, ao igual que o ano pasado, “pasarán a saudar aos pontevedreses e ás pontevedresas un nutrido número de actores, actrices e directoras” durante a gala, tanto no auditorio grande como no salón de actos.

As invitacións para asistir a esta retransmisión poderán retirarse a partir deste sábado, 17 de xaneiro, na Caseta de Turismo de Montero Ríos. A entrega será presencial, cun máximo de dúas entradas por persoa, no horario habitual da oficina.

Ademais, coa fin de que máis xente poida gozar da chegada dos artistas, a organización modificou a estrutura da entrada. A carpa da alfombra vermella, que habitualmente se situaba paralela ao recinto, colocarase este ano en perpendicular á entrada.

Aínda que o Concello dispón de 165 convites oficiais (15 máis que o ano pasado), decidiuse priorizar ao tecido social e audiovisual sobre a representación institucional clásica. “Decidimos na parte de protocolo seguir prescindindo da parte máis institucional, pedíndolle desculpas sobre todo aos concelleiros e ás concelleiras que non asisten”, afirmou Gulías.

Entre os invitados institucionais confirmados atópanse o conselleiro de Cultura da Xunta (tras a negativa do presidente da Xunta) e representantes de AGADIC. Tamén se cursaron convites á Universidade de Vigo, ao tecido empresarial local —agradecendo especialmente á Asociación de Perruquerías— e a entidades audiovisuais como AGAPI ou a Academia Galega do Audiovisual… A Deputación de Pontevedra xestionará os seus propios 10 convites cumprindo co convenio asinado co Concello para a financiación de Feroz 2026.

“Queremos invitar a todo o mundo a que veña a celebrar a festa dos Feroz, que veña a pasalo ben”, concluíu Anabel Gulías.

Está pasando!