Presentación de ‘A Lanzada na Historia’ | Concello de Sanxenxo

O Concello de Sanxenxo organiza ‘A Lanzada na Historia’, unha nova proposta cultural para por en valor a tradición deste enclave

9 Xuño 2025

A cita celebrarase os días 20, 21 e 22 de xuño na contorna da torre e na chaira onde se celebran as festas


O Concello de Sanxenxo organiza ‘A Lanzada na Historia’ unha nova proposta cultural coa que se trata de poñer en valor a tradición e rememorar parte da historia deste enclave.

A concelleira de Cultura, Elena Torres, e membros da Comisión de Festas da Lanzada presentaron esta mañá a cita que terá lugar os días 20, 21 e 22 de xuño na contorna da torre, BIC desde 1985, e na chaira onde se celebran as festas patronais.

“Con esta festa, queremos poñer en valor a historia, ou patrimonio e a tradición dun lugar excepcional, onde conviven arqueoloxía, cultura popular e lendas. Durante tres días, A Lanzada transformarase nun espazo vivo da Idade Media, ofrecendo ao público un mercado tradicional, espectáculos de música, teatro, xogos populares e recreacións históricas nun ambiente festivo e participativo”, explicou Elena Torres.

“Queremos convidar a todos os veciños e visitantes a desfrutar desta nova proposta cultural, pensada para todos os públicos, e animamos a vivir vestidos para a ocasión. Agardamos que ‘A Lanzada na Historia’ se consolide ano tras ano como unha cita imprescindible nas Rías Baixas”, incidiu.

Presentación de ‘A Lanzada na Historia’ | Concello de Sanxenxo

Pola súa banda, Raquel Valladares, membro da Comisión de Festas da Lanzada animou a vir gozar da festa “porque vai a haber actividades para todos os públicos”.

O ambiente festivo comezará o venres, ás 16 horas, co mercado medieval, pero non será ata as 16:30 horas cando se inaugure coa lectura do pregón a cargo da concelleira de Educación e veciña da parroquia, Nati Parada. A continuación, haberá animación musical con Os do Barro. Pola noite, a partir das 21:30 horas, haberá actuación musical de Os Firrás e, ás 23:30 horas, queimada tradicional.

O sábado, a actividade dará comezo ás 10 horas, co mercado medieval. Ás 11 horas, haberá Tiro con Arco e as 13 horas, actuación musical de Arroba de Viño. Ás 16 horas, xogos populares tirasoga, carreira de sacos e carreira de carretas. Ás 18 horas, Loita Medieval, e, a partir das 21:30 horas, concerto A Banda do Sequío. Ás 23:30 horas realizarase unha representación do rito de ‘As nove ondas’. Durante todo o día haberá nora, barca e xogos populares.

O domingo, estará aberto o mercado medieval e haberá a actuación musical de Arroba de viño, ás 13 horas

Está pasando!