O Concello de Vilaboa convida a participar no XLI Festival dos Maios o día 1 en Figueirido

10 Abril 2026

O certame conta coa colaboración da Asociación de Veciños e terá premios en tres categorías


O Concello de Vilaboa publica as bases reguladoras do XLI Festival dos Maios, que se celebrará o venres 1 de maio ás 12:30 horas no Auditorio do Parque de Figueirido, un certame aberto a rapaces e rapazas de calquera idade, podendo o xurado decidir sobre a participación doutras persoas.

As bases establecen que non haberá distincións nin prexuízos por razón de raza, relixión ou sexo, e que calquera falta de respecto verbal ou física cara ao xurado ou aos demais participantes poderá supoñer a descalificación.

O xurado estará composto polo concelleiro de Cultura, un membro da Asociación de Veciños de Figueirido e persoal técnico municipal, podendo adaptarse a súa composición en caso de ausencia dalgún membro.

A avaliación dos Maios realizarase en tres apartados: mellor letra, valorando a calidade literaria e o carácter crítico, irónico e sarcástico propio da retranca galega; mellor canto, atendendo á entoación, forza e harmonía do conxunto; e mellor Maio, puntuando os adornos e o aspecto exterior e interior, sempre partindo do respecto á forma tradicional cónica dos Maios de Vilaboa, non sendo valoradas outras formas neste apartado.

A votación será individual por cada criterio e sumaranse as puntuacións para determinar os gañadores. Os premios establecidos son: 300 euros para o primeiro, 200 para o segundo e 100 para o terceiro, podendo o xurado declarar o concurso deserto se considera que o nivel non é o axeitado.

A inscrición está aberta en info@vilaboa.org ata o martes 28 de abril e requírese un mínimo de participantes

As persoas participantes deberán estar no lugar media hora antes do inicio do concurso, e a presentación dun Maio implica a aceptación íntegra das bases.

Está pasando!