O Concello de Bueu programa cinema, artes escénicas e música para o verán no ‘Espazo Convida 21’

2 Xullo 2021

O Concello de Bueu presenta por segundo ano consecutivo o programa de actividades do ‘Espazo Convida 21’, que ofrecerá durante os meses de xullo e agosto diversas alternativas de ocio e cultura para a rapazada e as familias.

Segundo apunta Xosé Leal, concelleiro de cultura, “o cinema, as artes escénicas e a música chegarán a lugares das tres parroquias, cun claro obxectivo de deslocalizar os eventos e que a cidadanía poida gozar da cultura sen límites xeográficos”. Así mesmo, “o programa, financiado con cargo á Deputación de Pontevedra, amplíase co teatro para persoas adultas, e cunha clara perspectiva de xénero”, salienta o edil nacionalista.

No marco do Espazo Escénico todos os martes de xullo e agosto terán lugar actividades de teatro para público familiar; os mércores, o cinema trasladarase á rúa, con horario ás 22.30 horas en xullo e ás 22.00 horas, en agosto; os xoves, ás 21.30 h, as persoas adultas poderán gozar de obras de teatro e monólogos; e xa os venres, a música fará vibrar os principais espazos da vila, tamén a partir das 21.30 horas.

Ao igual ca o ano pasado, o Concello establecerá medidas para cumprir con todos os protocolos Covid-19 da Xunta de Galicia e facer que a cultura poida gozarse en espazos seguros, de aí que se aposte polos lugares ao aire libre. Así mesmo, controlarase o aforo e levarase a cabo a desinfección de todas as cadeiras, que estarán perfectamente separadas e limpas, e tamén se recomenda que a cidadanía se inscriba previamente a través dos formularios habilitados nesta web.

As actividades comezarán o próximo sábado, 3 de xullo, ás 21.30 horas, na Praza Massó onde soará a música de García MC e Nación Quilombo (o venres terá lugar o espectáculo ‘A drag pandeiretera” con Meiga-i no marco das Xornadas pola Diversidade Afectivo – Sexual).

O martes 6 de xullo, a compañía Inventi Teatro escenificará a obra “A tropa do Doutor Milagre” ás 21.30 horas na Praza Massó, unha sesión para a cativada e as persoas maiores que, con humor e retranca, conta as solucións máxicas que ofrece o Doutor Milagre aos seus pacientes: espumosos xampús, elixires fertilizantes ou inxeccións máxicas.

O 7 de xullo, ás 22.30 h, a Praza Massó acollerá a proxección do filme “Uno para todos”, no que atopamos a historia dun profesor interino que asume a tarefa de ser titor dunha clase de sexto de primaria nunha vila completamente descoñecida para el.

O xoves 8 de xullo, ás 21.30 h, Isabel Risco fará escachar coa risa ás persoas adultas co seu espectáculo “Nabiza Girl”, que se desenvolverá na Praza Massó. Nel coñeceremos a Chelo García Naveira, coñecida como Nabiza Girl, unha superheroína rural galega con denominación de orixe protexida e poderes que proveñen do sulfato.

Programa de eventos

O Espazo Convida 21 ofrecerá actuacións e espectáculos de martes a venres durante xullo e agosto.

Así, entre as propostas escénicas para as familias poderase gozar de obras como Saabor! (13 de xullo, Banda do Río), Mago Teto (20 de xullo, Meiro), Piscore (27 de xullo, Parque Ramal dos Galos), Patty Diphusa (3 de agosto, Sanamedio-Bon), Isla Letriska (10 de agosto, Parque Novas de Beluso), “A Gran viaxe” de Inventi Teatro (17 de agosto, Praza Massó), e Alba Grande (24 de agosto, Torrecino-Cela).

Entre os títulos de cinema están “Las niñas” (14 de xullo, Banda do Río), “Trote” (21 de xullo, Meiro), “Arima” (28 de xullo, Parque Ramal dos Galos), “Guardianes de la Galaxia” (4 de agosto, Sanamedio-Bon), “María Solinha” (11 de agosto, Parque Novas de Beluso), “Mujercitas” (18 de agosto, Praza Massó) e “Antman” (25 de agosto, Torrecino – Cela).

O espazo escénico para persoas adultas traerá a Quico Cadaval (12 de xullo, Banda do Río), “Epístola ás neofalantes” de Aldao Lado (29 de xullo, Parque Ramal dos Galos), Bea Campos (5 de agosto, Sanamedio), “A louca historia de Galiza” de Fulano, Mengano e Citano (12 de agosto, Parque Novas de Beluso), Paula Carballeira (19 de agosto, Praza Massó), e Celso Sanmartín (26 de agosto, Torrecino-Cela).

E, por último, os venres soará a música con propostas como A Banda da Loba (9 de xullo, Praza Massó); Xoana (23 de xullo, Meiro), Mallou (30 de xullo, Parque Ramal dos Galos), Os Carunchos (6 de agosto, Sanamedio-Bon), Monolious Dop Dúo Acústico (13 de agosto, Parque Novas de Beluso), Xan Campos Trío (20 de agosto, Praza Massó), e Zeltia e Irevire (27 de agosto, Cela).


Está pasando!