Presentación de Poio Mostra 2025 | Concello de Poio

O Concello de Poio volve apoiar ao comercio local na segunda edición de Poio Mostra

1 Abril 2025

  • Celebrarase entre este venres, día 4 de abril, e o domingo 6, nunha carpa instalada na Reiboa.
  • Ángel Moldes destaca que “é un evento moi importante como punto de encontro, para dinamizar a economía local e para poñer en valor todo o tecido empresarial do municipio.

O Concello de Poio volve a apoiar ao comercio local na segunda edición de Poio Mostra, unha feira multisectorial e de oportunidades organizada por EnPoio esta fin de semana, entre o venres 4 e o domingo 6 de abril.

Nunha carpa instalada na Reiboa, xa está confirmada a participación de máis de trinta negocios do concello e da comarca de diferentes sectores, desde alimentación, moda, complementos, decoración, xardinería… así como unha exposición de vehículos de ocasión no exterior.

O alcalde, Ángel Moldes, mantivo esta mañá unha reunión de coordinación, xunto á presidenta de EnPoio, Loli Otero, os concelleiros de Festexos e Eventos, Fran Da Silva, e de Promoción Económica, Maritxe González, así como doutros membros da directiva da asociación empresarial.



Moldes sinalou que “é un evento moi importante como punto de encontro, para dinamizar a economía local e para poñer en valor todo o tecido empresarial do municipio. Ademais, permitirá amosar á veciñanza e visitantes toda a oferta e produtos que poden atopar no noso municipio, no pequeno comercio, sen necesidade de desprazarse para facer moitas das súas compras”.

Como principais novidades con respecto á edición anterior, desde EnPoio explican que este ano inclúese un pulpeiro os tres días de feira, así como premios a través do Rasca e gaña. Ademais, o sábado, ás 19.00 horas, organizarase un desfile de moda infantil e adulto no interior da carpa.

Durante os tres días, o cliente atopará unha ampla oferta de produtos, en espazos cómodos e amplos, e incluso disporá de probadores. A exposición de vehículos, nesta edicións, ubicarase na zona da Reiboa. O obxectivo, engaden, é contribuír á liquidación de restos de tempada, facilitar a captación de novos clientes e aumentar a calidade do comercio local.

A entrada a Poio Mostra é gratuíta. O venres, estará aberto de 16.00 a 21.00 horas; o sábado o horario será de 11.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 22.00 horas, e o domingo, de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas.

Por último, desde o Concello e EnPoio animaron aos veciños a achegarse á Seca durante a fin de semana, así como aos concellos limítrofes “porque aquí van atopar verdadeiras oportunidades e van coñecer toda a oferta que hai no noso municipio”.

Está pasando!