Presentación da exposición ‘De Eva a Maruxa’ | Concello de Pontevedra

O Consello da Muller Nova crea a exposición ‘De Eva a Maruxa’ que achega a Historia da arte dende unha perspectiva feminista 

17 Xuño 2025

  • Coordinada pola Concellaría de Igualdade, que dirixe Anabel Gulías, a mostra inaugúrase o 17 de xuño na primeira planta do Mercado Municipal.
  • O 10 de setembro comezará un percorrido por todos os centros participantes na súa elaboración: todos os públicos de Secundaria e Formación Profesional, o Sagrado Corazón de Praceres e o Garaxe Hermético
  • Producida polo Ciclo Superior de Deseño e Xestión da Produción Gráfica do CIFP Montecelo, conta con 24 paneis, 12 xogos, un photocall e outras estruturas didácticas creadas con material medioambientalmente sostíbel

A primeira planta do Mercado Municipal de Pontevedra acollerá o martes 17 de xuño, a partir das 11.30 horas, a inauguración da mostra ‘De Eva a Maruxa, un percorrido pola Historia da Arte con perspectiva feminista’ que foi auspiciada polo Consello Municipal da Muller Nova do Concello de Pontevedra e realizada integramente, tanto no deseño e produción como nos contidos, por alumnado e profesorado de centros de secundaria (CIFP, IES e CPR) do municipio aos que se suma a única Escola de Banda Deseñada existente na Galiza, O Garaxe Hermético.

Continuará alí ata o 10 de setembro e co inicio do curso 2025-2026 comezará unha ruta itinerante polos centros de ensino participantes.

A exposición amosa as conclusións do traballo realizado durante todo o curso nas aulas para verter sobre a arte unha ollada igualitaria. Faino a través de 24 paneis, 12 xogos interactivos e outras estruturas complementarias que fan un percorrido pola relación das mulleres coas distintas formas de expresión da arte plástica (pintura, escultura, ilustración, muralismo, fotografía…) tanto desde a perspectiva de creadas como desde a de creadoras.

Aparecen artistas que ao longo da historia destacaron en distintos ámbitos, moitas delas descoñecidas para a meirande parte da poboación, mais tamén hai unha análise sobre o xeito en que as mulleres foron retratadas ao longo da historia, e de aí xorde o título da mostra. ‘De Eva a Maruxa’ simboliza ese paso da muller creada á muller creadora. A Eva xurdida da costela de Adán foi retratada en moitas ocasións como símbolo da muller pecadora, nunha visión misoxínica da relixión e da sociedade que se reflectiu na arte. En contraposición está Maruxa Mallo que simboliza a creadora feminista e transgresora.

Os contidos

A mostra iníciase cunha reflexión realizada polo CPR Sagrado Corazón de Praceres sobre a invisibilidade da muller na Arte, que se acompaña cunha liña do tempo que reflicte como a súa presenza neste ámbito foi evolucionando ao longo da historia.

A partir de aí, a primeira parte da exposición céntrase na muller “retratada” con paneis sobre a visión dela na arte relixiosa, que elaborou o IES A Xunqueira I, os roles das mulleres nas obras, que foi o ámbito de traballo do IES Sánchez Cantón, e o tratamento do corpo da muller que foi estudado polo IES Valle Inclán. A segunda parte céntrase nas mulleres suxeito, é dicir, nas artistas. Hai paneis de autoras galegas, tanto as pioneiras que rescatou o CIFP Montecelo, como as contemporáneas que son homenaxeadas polo IES A Xunqueira 2.

Neste punto hai que subliñar que varios dos centros foron máis alá de investigar e divulgar sobre a temática proposta e fixeron as súas propias reinterpretacións artísticas de cadros de mulleres. Foi o caso do IES A Xunqueira 2 que homenaxeou a obra de artistas tan vinculadas a Pontevedra como Almudena Fernández Fariña ou Berta Cáccamo, por pór apenas un par de exemplos.

Tamén o IES Torrente Ballester aplicou á mostra o talento artístico do seu alumnado, con versións das obras de autoras europeas (o tema abordado por este centro) como Artemisia Gentileschi ou Angelica Kauffmann. E as artistas de fóra de Europa foron estudadas polo IES Luís Seoane, que se atreveu a facer un photocall coa súa versión do cadro ‘As dúas Fridas’ de Frida Kahlo.

Pola súa parte, o alumnado do IES Frei Martín Sarmiento, que se encargou na mostra de homenaxear as fotógrafas, fixo versións de imaxes tan icónicas como ‘A chiscadela’ de Dorothea Lange ou ‘Filla dun oficial alemán suicídase con cianuro’ de Lee Miller.

A mostra ten tamén oco para as ilustradoras, coa recuperación por parte de O Garaxe Hermético da biografía e algúns dos traballos máis icónicos das galegas Emma Ríos e Lucía Cid. Por último, o alumnado de Promoción da Igualdade de Xénero (PIX) do CIFP A Xunqueira visibilizou esas creadoras e colectivos que a través de murais ou performances feministas foron reivindicando o dereito das mulleres artistas a ocupar o espazo. Na súa proposta atopamos o traballo de galegas como Luz Darriba, Cuqui Piñeiro ou Nana, mais tamén interpelan ás persoas visitantes a pórse na pel das míticas Guerrilla Girls ou da tamén galega Lula Doce, intervindo nun “muro” colocado ad hoc no Mercado.

Como quedou dito, os vinte e catro paneis que compoñen esta exposición complétanse cunha ducia de xogos, nos que alumnado e persoas visitantes poderán aprender arte con perspectiva feminista dun xeito ameno. Por exemplo, mediante un panel no que, tras recoñecidas figuras de homes artistas agóchanse talentosas mulleres da mesma época descoñecidas para a maioría do público. Ou do clásico xogo de memoria para facer parellas, no que baixo as imaxes delas, creadas polo alumnado do CPR Sagrado Corazón, aparecen as súas biografías mentres que no deles apenas aparece o inxusto tratamento “marido de…” que durante tantos séculos acompañou as mulleres. Tamén haberá un tres en raia proposto polo Torrente Ballester para achegarnos ás artistas europeas, ou unha ruleta na que descubrir novas artistas.

Unha mostra respectuosa co medio ambiente

A produción, tanto dos paneis como dos xogos propostos polo alumnado dos distintos centros, foi realizada por alumnado do Ciclo Superior de Deseño e Xestión da Produción Gráfica do CIFP Montecelo, baixo a coordinación de Silvia López Costa, Ricardo Fernández Costas, Elia Santos Novas e José Saá Merino.

A prioridade foi utilizar materiais procedentes da reciclaxe ou cen por cen reciclábeis, agás algunhas pequenas pezas nas que é imposíbel non usar plástico ou materiais análogos, o 99% da exposición está realizada con materiais medioambientalmente sustentábeis como cartón ou madeira” . Tratábase dunha prioridade tanto para a comunidade educativa participante como para a administración municipal, sobre todo tendo en conta que a mocidade é a principal destinataria da mostra.

En ‘De Eva a Maruxa’ están representadas 225 mulleres artistas e 142 cadros, 112 delas e o resto incluídos para reflectir como foron retratadas ao longo da historia, sen contar coa versión en tamaño XXL de As dúas Fridas, elaborado polo alumnado do IES Luís Seoane.

Está pasando!