Presentación da XVIII edición de Culturgal | Culturgal

O Culturgal máis grande e ambicioso reunirá en Pontevedra a 750 artistas e creadores en 225 espectáculos e actividades para todas as idades

6 Novembro 2025

A XVIII edición de Culturgal será “a máis grande e ambiciosa”, xa que reunirá do 28 ao 30 novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra a 750 artistas e creadores en 225 espectáculos e actividades para todas as idades.

“A cultura debe ser entretida e útil”, manifestou esta mañá o director do Culturgal, Camilo Franco, nunha presentación da edición deste ano na que tamén interviron Jacobo Sutil, director de Agadic; Natividad González, deputada de Cultura da Deputación da Coruña; Demetrio Gómez, concelleiro de Cultura do Concello de Pontevedra; Rafael Domínguez, vicepresidente da Deputación de Pontevedra; Valentín García, secretario xeral da Lingua da Xunta de Galicia, e Víctor López, presidente de Culturgal.

Camilo Franco na presentación da XVIII edición de Culturgal | Culturgal

Víctor López destacou “o número de actividades que este ano organizamos en colaboración con outras asociacións e entidades, como PuntoGal, o Clúster do Audiovisual de Galicia, as asociacións galegas de guionistas e produtores, ou o Festival Internacional de Outono de Teatro (FIOT) de Carballo”.

A música terá un protagonismo especial no Culturgal e unha das novidades deste ano será o concerto de benvida do xoves 27 ás 21:00 horas no Auditorio do Pazo da Cultura, con Uxía Senlle presentando con varias artistas convidadas o seu último traballo, ‘Será por Flores’.

O venres, tamén ás 21:00 horas, as voces femininas da canción galega encherán de novo o escenario do auditorio coas actuacións de Faia Díaz, A Pedreira e Felisa Segade. O domingo 30 de novembro, o Teatro Principal de Pontevedra acollerá ás 20:30 horas o concerto de peche do Culturgal con Óscar Ibañez.

Outra novidade musical será o regreso de Magín Blanco á música adulta. Dará un concerto o sábado ás 20:00 horas no escenario principal do recinto ferial e presentará o libro ‘Percorrido’.

Outro dos pratos fortes será a noite de humor galego do sábado 29 (no auditorio ás 21:00 horas), co espectáculo ‘Moito conto’, creado por Touriñán en exclusiva para Culturgal. Está acompañado, entre outros, por David Amor, Pablo Meixe, Patricia Castriñón e Marita Martínez.

Proxectaranse no Culturgal as películas máis importantes do cinema galego no ano 2025 e os adiantos de series e películas que se estrearán no ano 2026. Habera tamén unha selección das curtametraxes do ano e a presentación da serie ‘Pensión incompleta’, que se gravará nas catro linguas oficiais do Estado.

Outra novidade será un ciclo de narrativa oral no que directores, realizadores e guionistas galegos explicarán os seus próximos proxectos como se fora un conto.

Nas Artes Escénicas, o Culturgal acollerá os adiantos das montaxes de obras que chegarán no 2026 de Chévere; Centro Dramático Galego; Talía teatro; Bengala teatro, ou Morra o conto.

A literatura será como cada ano protagonista, cun acto de peche do Culturgal o domingo pola tarde (19:00 horas) no que actrices e cantantes galegas lerán fragmentos da obra de Begoña Caamaño, á que se adica o Día das Letras Galegas 2026.

Polo culturgal pasarán Manolo Rivas, Suso de Toro e a escritora vasca Oihane Amantegui, entre outros moitos autores e autoras.

Repite o ‘Vén e baila’ do domingo pola mañá (13:30 horas), con varias actividades de baile arredor desta iniciativa coordinada por Artur Puga, como o espectáculo de danza ‘Ceibe’ de Fran Sieira (13:00 horas).

A programación infantil tamén medra para facer do Culturgal unha festa familiar. Como novidade, o sábado pola mañá haberá un Festival de grupos infantiles de escolas de teatro de toda Galicia.

No Culturgal terán tamén protagonismo para os artistas e creadores de Ribeira, onde celebrouse este mes o Culturgal Expandido, e este ano habilitarase un Punto Lila.

Máis de 100 stans ou expositores estarán presentes no Culturgal, con editoriais, artesanía, xoguetes, e postos institucionais.

O proxecto Perpetuando, desenvolvido dende o CIFP Imaxe e Son da Coruña, é o responsable da creación da imaxe do cartaz do Culturgal 2025, nunha actividade coordinada por Olaia Sendón, Ana Monteagudo e Elisa Vecino co alumnado do ciclo de Imaxe.

A proposta leva por título ‘Cooltura’ e quere representar unha cultura aberta, diversa e próxima, afastada de calquera elitismo.

Xa están á venda en www.cultur.gal as entradas para os concertos principais e para entrar no Culturgal, con bonos para os tres días por cinco euros.

Está pasando!