O Demo anda solto e Pontevedra volverá tentar tirarlle do rabo

22 Agosto 2021

O Demo éche moi hábil, moi astuto e moi ladino; mais en Pontevedra é ben coñecido, pois xa leva vinte anos saíndo as rúas coa idea de facer brincadeiras ao mesmo tempo que asusta as crianzas co seu tridente e os seus cornos. Ben é certo, que estes poden entar tirarlle do rabo buscando consolo contra estes ataques infernais.

A Festa do Demo volve este luns 23 de agosto coa súa programación tradicional, que inclúe dúas saídas do Demo e o seu séquito, desde os Arcos de San Batolomeu, rumbo ás prazas e rúas do centro histórico da cidade. A primeira partirá ás 12.30 horas, e a segunda, xa de tarde, ás 20 horas.

O programa é completado con dúas actuacións. A primeira, ás 21 horas, co concerto de San Bartolomeu da Banda de Musica de Salcedo, na Praza de José Marti. A segunda, ás 21.30 horas, coa foliada do Demo con Os Chichisos, na Praza da Ferraría.

A Festa do Demo é o seu vinte aniversario simbolizan o éxito evidente que supón a recuperación de festividades e celebracións tradicionais, prohibidas e perdidas no seu momento. A Festa do Demo é un exemplo dese folclore popular tan noso, que cómpre manter vivo no tempo, ao demostrar a súa vixencia á hora de ofrecer divertimento e festividade nos tempos actuais, amosando unha preocupación pola etnografía pontevedresa.

No seu día, a recuperación da Festa do Demo foi un labor de investigación bastante interesante á par que complexo, perante a dificultade de atopar información sobre a celebración en si. O rastrexo principal levouse acabo a través do libro Pontevedra, boa vila, que conta cun texto de Vicente Risco e un par de ilustracións de Agostiño Portela.

Por suposto, a veciñanza tamén axudou, sendo fontes orais de referencia, ao contaren quen era Dominguiños, un pontevedrés daquela época, que sempre exercía de demo. Este Dominguiños era un antigo aprendiz de electricista, logo vendedor de décimos de lotaría, mais lembrado na memoria popular por exercer de Lucifer chegado o momento adecuado, intre do que nenos e nenas fuxían, malia que tamén sabían que podían obter algún que outro agasallo del en forma de caramelo.

Está pasando!