Presentación da 10ª edición da Festa de Colón | © Concello de Poio

O Día de Colón celebrarase en Combarro os días 10 e 11 de maio

12 Marzo 2024

Nas próximas semanas darase a coñecer a programación completa, que pretende encher as rúas de cor, historia e animación medieval


Xa hai nova data para a décima edición do Día de Colón, despois de que en outubro se tivera que cancelar toda a programación polas malas previsións meteorolóxicas. Desde o Concello de Poio, en colaboración coas asociacións Combrus, Leucoíña e Vides Novas, apostan por organizar a festa medieval no mes de maio, concretamente o venres 10 e o sábado 11. Unha data que combina maior probabilidade de bo tempo, cos días máis amplos e, ademais, fóra da tempada alta, favorecendo así a desestacionalización do turismo.

Con esta nova data recupérase a festa que pon en valor a teoría da ascendencia galega do navegante, que levaba sen organizarse desde hai cinco anos. O obxectivo, explican, é encher as rúas de Combarro de cor, de historia e de animación medieval, repetindo o éxito de edicións anteriores e fomentando a implicación de todos os colectivos.



A programación, como estaba previsto xa en outubro, incluirá artesáns, tiro con arco, obras teatralizadas e música itinerantes, entre outras propostas que se darán a coñecer nas vindeiras semanas. Asemade, volverán a apostar polas novidades introducidas nese momento, que pasaban por reserva de espazo para que os particulares puidesen comer e cenar nas rúas de Combarro durante a celebración, e cuxas bases e prazos se darán a coñecer proximamente. Ademais, desde a organización tamén manterán reunións de coordinación cos diferentes establecementos, que crearán os seus propios menús medievais.

En outubro de 2023 estaba todo preparado para celebrar a décima edición, despois de cinco anos sen organizarse. As fortes choivas impediron a celebración da festa medieval que, segundo os organizadores, retoman agora en maio coa mesma forza e ilusión. Unha festa que, nese momento, se presentou en Baiona, concello ao que arribou a carabela La Pinta coa noticia do descubrimento de América. Ata alí se desprazaron o alcalde Ángel Moldes e representantes das asociacións colaboradoras para presentar a programación e promover así futuras colaboracións e irmanamento entre os dous concellos e seguir divulgando a figura do Colón de Poio.

Está pasando!