‘Pontevedra, hora cero’ | © Maruxiña Film Company

O director Alfonso Zarauza estrea o filme «Pontevedra, hora cero» o xoves, 4 de xaneiro no Teatro Principal

2 Xaneiro 2024

  • A película contará coa presenza do director e das actrices protagonistas Melania Cruz, Ledicia Sola e Marta Lado, e proxectarase no Teatro Principal a partir das 20.30 horas
  • Trátase dunha narración que mestura documental e ficción e que aborda a transformación de Pontevedra nas dúas últimas décadas
  • A entrada será de balde até completar cabida

O Teatro Principal acollerá o vindeiro xoves, 4 de xaneiro, a estrea de Pontevedra, hora cero, o filme de Alfonso Zarauza sobre a transformación da Boa Vila nas últimas dúas décadas. Na presentación estará o propio director así como as actrices protagonistas acompañados do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e o concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez.

Esta produción, na que o alcalde de Pontevedra fai un cameo, gravouse na cidade a finais de 2021 e mestura dúas narracións, por un lado unha parte documental con outra de ficción. As protagonistas son as actrices Melania Cruz, Ledicia Sola e Marta Lado e leva por título «Pontevedra, hora cero».

O director explicara no seu día que supoñía «unha vertixe» ter recibido o encargo por parte do Concello de Pontevedra e da Deputación, pero tamén calificou a proposta de «valente» e que a acollía con «orgullo e responsabilidade».

Recoñeceu que sabía da transformación de Pontevedra «e sempre me chamou a atención polo poderoso que é; e, ao mesmo tempo, o inadvertido que pasa dentro do noso propio país, dentro de Galicia».


Está pasando!