Presentación do II Ecommerce Day | © Concello de Pontevedra

O ‘Ecommerce Day’, unha xornada para traballar en local e competir en global

4 Novembro 2023

O 9 de novembro, no Pazo da Cultura de Pontevedra, Marketing4eCommerce e o Cluster do Ecommerce Galego, en colaboración co Concello de Pontevedra, celebrarán unha xornada de formación, aprendizaxe e de creación de novos fíos e sinerxías sobre negocio dixital


O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado da edil de Promoción económica, Anabel Gulías; xunto con Ruben Bastón e Alberto Cochón, representes de Marketing4eCommerce e do Cluster do Ecommerce Galego; presentou o ‘Ecommerce Day’.

O rexedor lembrou que as características propias da Boa Vila permiten a realización deste tipo de citas, así como esperta interese en distintos eidos á hora de que diferentes entidades queiran vir até Pontevedra facer os seus congresos. «Temos un comercio local moi potente, unha aposta clara por ser un gran centro comercial urbano», lembrou. «O Clúster do Ecommerce Galego está asentado na sede do GDR nos Campos, en Mourente. Hai moitas empresas que están traballando dentro do seu marco, cunha historia e cunha traxectoria máis que demostrada no comercio electrónico. Queren intercambiar experiencias e botar unha man aos que comezan. Falamos de empresas como Krack, Aceites Abril, Martín Codax ou Don Disfraz».



O Ecommerce Day celebrarase o vindeiro día 9 de novembro, xoves, no Pazo da Cultura. A previsión manexada pola organización é a da chegada de 120 profesionais do sector de distintas empresas co obxectivo de ofrecer formación, tecer novos fíos de colaboración e demais novas sinerxías.

Pola súa banda, Alberto Cochón, secretario xeral do clúster, lembran que queren xerar un grande impacto no comercio electrónico local. «Hai moitos proxectos na Galiza en marcha, e a nosa visión é traballar en local para competir en global», indicou. «Queremos aprender todos de todos,desenvolver os proxectos que temos, medrar como empresas e xerar un compromiso co comercio electrónico».



«O ano pasado celebramos o primeiro Ecommerce Day e este ano trátase de darlle un bo pulo, para o que contaremos cos mellores socios que podemos ter como é Marketing4eCommerce, principal canle ou medio de comunicación de comercio electrónico», sinalou Cochón. «Este será o seu primeiro gran evento fóra de Madrid ou Barcelona».

Por último, Rubén Bastón agradeceu a colaboración do Concello de Pontevedra á hora de poder sacar adiante o evento. Ademais, explicou «que o noso obxectivo e axudar a medrar ao sector electrónico», cumprindo un anhelo «como sempre foi facer algo aquí, na nosa terra, tendo a disposición unhas instalacións tan tremendas como o Pazo da Cultura».

Todo o programa, así como o formulario de inscrición, pode ser coñecido a través da páxina oficial do evento.

Está pasando!