O edifico Castelao do Museo de Pontevedra acollerá este sábado a presentación do libro Deixádenos remar, de Ana Cabaleiro

21 Outubro 2021

Deixádenos remar é o título da novela finalista do Premio Xerais 2020 coa que a súa autora, Ana Cabaleiro, dálles voz ás protagonistas anónimas do cotián, todas humildes e arrabaldeiras, ben sexan esforzadas traballadoras, opositoras, desempregadas, xubiladas, divorciadas, artistas ou viaxeiras.

Delas falará a escritora o sábado, día 23 de outubro, nun acto que terá lugar ás 12:30 horas no edificio Castelao e no que estará acompañada pola poetisa Miriam Ferradáns.

A obra está ambientada nun modesto arrabalde cuxa vida vese trastornada coa construción dunha flamante urbanización de chalés acaroados. A medida que as vivendas se venden e os novos veciños se van asentando, o muro exterior da urbanización transfórmase en fronteira e o microcosmos do barrio acaba por se dividir en dous bandos. Mais non se trata dunha rivalidade polo territorio, senón da colisión entre dúas formas de vida que se converte nunha lenta e constante guerrilla de pequenas escaramuzas veciñais, na reafirmación do status comunitario dos humildes, e na manifestación dos nosos soños e loitas dependendo do lado do muro en que habitemos.

Ana Cabaleiro (Saídres, 1974) é xornalista, colaboradora en revistas culturais, autora de relatos como Sapos e sereas e investigadora literaria sobre cibercultura e activismo. Traballou en desenvolvemento e cooperación e forma parte do grupo Versos soltos. Con As Ramonas gañou o premio García Barros 2018.

Está pasando!