O Enreguéifate abre o prazo de inscrición para a novena edición do seu certame de regueifas en vídeo

12 Xaneiro 2026

  • As persoas interesadas poderán mandar os seus vídeos do 12 de xaneiro ao 6 de marzo deste ano.
  • Os galardóns entregaranse o 16 de abril no Teatro Principal de Pontevedra.

Desde hoxe ata o 6 de marzo estará aberto o prazo de inscrición no certame de regueifas en vídeo do Enreguéifate, o proxecto impulsado polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Arzúa, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo, centrado na divulgación e posta en valor da improvisación oral en verso en lingua galega.

Para participar é preciso enviar un ou máis vídeos cunha duración máxima de tres minutos, nos que aparezan cando menos dúas persoas regueifando sobre un tema libre. A inscripción deberá realizarse a través de enregueifate.gal, onde tamén poden consultarse as bases completas do certame.

Baixo o lema ‘Versos doutro universo’, a novena edición do certame contará novamente con dúas categorías: unha xeral, para calquera persoa interesada, e outra escolar, dirixida ao alumnado dos centros educativos galegos non universitarios.

Como en edicións anteriores, en cada categoría outorgaranse oito regueipremios, que recoñecerán a regueifa máis brava, máis aguda, máis diversa, máis reivindicativa, mellor cantada, mellor falada, máis inclusiva e máis entroideira.

A entrega de premios terá lugar na gala do xoves, 16 de abril, que se celebrará no Teatro Principal de Pontevedra.

A participación no certame foi promovida entre a mocidade a través das actividades formativas desenvolvidas nos centros educativos polos formadores e formadoras do Enreguéifate: Lupe Blanco, Josinho da Teixeira, Nuria das Cruces, O Rabelo, Xairo de Herbón, Cristian de Burela e Manuele Pardo.

O alumnado de 5º e 6º de primaria e da ESO tivo así a oportunidade de achegarse aos xéneros de improvisación oral en verso, como ferramenta para fomentar o uso do galego e contribuír á súa normalización no eido educativo e cultural, no camiño de manter viva a nosa lingua entre as novas xeracións.

Así, o proxecto pechou o primeiro trimestre escolar con medio cento de obradoiros de improvisación oral realizados nunha vintena de centros educativos dos concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo, coa previsión de desenvolver outros tantos obradoiros entre este mes de xaneiro e febreiro de 2026.

Está pasando!