O Entroido de Poio bota a andar este domingo coa celebración do Desfile de Campelo

12 Febreiro 2026

  • A programación inclúe tamén a Pasarela de Comparsas o venres 27 na Seca e o Enterro do Galo Fodorico, o sábado 28 na Praza do Mosteiro.
  • Os participantes individuais ou en parella poden inscribirse ata o mesmo día do evento na contorna da Biblioteca Municipal.

O Desfile de Campelo será a primeira gran cita dunha programación ampla, participativa e chea de cor que se prolongará ata o 19 de marzo en todas as parroquias do municipio.

O desfile, que dará comezo ás 12.00 horas con saída desde a Biblioteca Municipal de Poio e remate na Praza da Granxa, contará coa participación das principais comparsas chegadas de diferentes puntos da provincia e de Galicia. Xunto ás formacións locais, Grupo de Carnaval Samieira, As Sonecas, Os Canecos e Os 100Tolos, participarán tamén Alegría de Bora, Os Miúdos, Os Retrincos, Politicamente Incorrectos e Os Paparrulos.

A maiores, sumaranse os grupos, parellas e persoas que de xeito individual participan no concurso de disfraces. A xornada culminará coa entrega de premios e animación musical a cargo de Due Eventos.

En total, repartiranse 4.820 euros entre os gañadores nas categorías individual, parellas e grupos, tanto en infantil (ata 14 anos) como en adultos, ademais de mencións especiais á mellor animación e choqueiros.

As persoas que desexen participar de xeito individual ou en parella poderán formalizar a súa inscrición o mesmo día do desfile, entre as 9.30 e as 11.00 horas nas inmediacións da Biblioteca Municipal, achegando copia do DNI e, no caso de menores, tamén da persoa titora. As asociacións deberán presentar copia do CIF e do DNI da persoa representante.

As comparsas deberán estar presentes unha hora antes da saída, accedendo pola PO-308, Avenida de San Xoán, polo Casal. O punto de encontro será no inicio do percorrido, fronte á Biblioteca Municipal de Poio para distribuír os dorsais.

Haberá varios aparcamentos disuasorios habilitados que estarán perfectamente identificados e sinalizados. No que respecta á climatoloxía, o Concello de Poio agardará ata a véspera do desfile para anunciar un posible aprazamento no caso de previsión de choiva.

Na categoría de adultos, os premios individuais oscilarán entre os 170 euros do primeiro clasificado e os 50 euros do cuarto. En parellas, o primeiro premio será de 210 euros, e nos grupos acadará os 500 euros para os gañadores.

En infantil, os premios individuais irán desde os 120 euros do primeiro posto ata os 70 do terceiro; en parellas, o máximo será de 160 euros; e en grupos, o primeiro premio acadará os 250 euros.

Ademais, haberá premios especiais de choqueiro e animación, compatibles co resto de categorías, con contías de ata 200 euros. O xurado, integrado por membros da comisión municipal de Educación, Cultura e Deporte, valorará aspectos como a orixinalidade, o vestiario, a posta en escena, a coreografía, a animación e a creatividade.

O Entroido de Poio continuará o venres 27 coa terceira edición da Pasarela de Entroido na Seca, unha cita xa consolidada que reunirá doce comparsas da provincia e que rematará cunha gran festa amenizada por Dolce Vita e a entrega de mencións especiais.

O sábado 28 celebrarase o tradicional Enterro do Galo Fodorico na Praza do Mosteiro, a partir das 21.00 horas, seguido da Festa Choqueira organizada pola ACV Ronsel, con premios, chocolate quente a actuación musical do Dúo Estelar.

A programación completarase con múltiples festas, desfiles e enterros nas distintas parroquias, como o Enterro do Mexillón en Combarro (18 de febreiro), o Enterro do Berberecho en Lourido (1 de marzo), o desfile e Enterro do Galo Bruxo en Samieira (14 de marzo) ou o Enterro da Galiña Vilarica en Vilariño (19 de marzo).

Unha programación variada, ampla e pensada para todas as idades, que encherá de música e animación as rúas de Poio. Por iso, desde o Concello de Poio animan á veciñanza e ás persoas visitantes a participar nun Entroido que medra cada ano en participación e creatividade e que consolida a Poio como unha referencia festiva na provincia.

Está pasando!