O Entroido redondelán recupera as celebracións de rúa sen esquecer as medidas de seguridade sanitaria

11 Febreiro 2022

“Un programa variado que recupera, logo de moito tempo, o seu tradicional espírito de celebración na rúa e no que as actividades para nenos e nenas, que sufriron especialmente as restricións da pandemia, teñen un especial protagonismo”. Asi definiu a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, a programación para o Entroido 2022 elaborada pola Concellería de Cultura que xestiona Iria Vilaboa.

A programación, que tal e como apuntaba a alcaldesa recupera actividades emblemáticas do Entroido redondelán como o Desfile-concurso de Comparsas ou as queimas do Meco en Redondela e o Berete en Chapela, comezará o sábado 26 de febreiro do Entroido Infantil e Xuvenil que terá a Alameda Castelao como lugar de desenvolvemento das súas actividades. De 17:00 a 19:00 horas terán lugar diversos obradoiros infantís con temáticas que xirarán entorno ao entroido para, ao fío das 18:30 horas, ter lugar o concerto ‘As que máis molan’ de A Gramola Gominola.

O domingo, 27 de febreiro, as comparsas volverán a encher de ledicia, ironía, música e cores as rúas de Redondela. Ás 17:00 horas concentraranse no Campo da Feira. A esa mesma hora e para ir ‘quentando motores’ a Asociación de Percusionistas e Tamborileiros ‘Aperta’ encargarase da animación polas rúas. As 18 horas será un dos momentos máis esperados do entroido, coa saída do Desfile-concurso de Comparsas, dende o Campo da Feira ata Vilavella. Xa ás 20:30 horas, terá lugar a entrega de premios ás comparsas gañadoras na Praza do Concello.

O martes 1 de marzo, Martes de Entroido, de 17:00 h a 18:30 horas os nenos e nenas volverán a ser protagonistas cunha actividade especialmente pensada para o público máis cativo como é o pasarrúas infantil Psycodelia a cargo de Troula Animación e que percorrerá as súas Alfonso XII, Ribeira e Xeneral Rubín.

Entre as 17:00 e as 18.30 horas terá lugar o concurso de disfraces individual e colectivo. A inscrición poderá realizarse nos soportais da Casa do Concello dende as 16:00 horas. Unha vez rematado o concurso, arredor das 18:45 horas, terá lugar a entrega dos premios.

A xornada rematará cos pasarrúas e o espectáculo da Queima do Meco a cargo dos Festicultores que arrincará ás 19:00 horas dende a Praza de Ribadavia.

Pola súa banda, Chapela recupera o seu entroido e o celebrarao o sábado 5 de marzo. As 17:00 horas as comparsas participantes concentraranse no Alto da Encarnación. Ao igual que acontecera antes en Redondela, a Asociación de Percusionistas e Tamborileiros ‘Aperta’ será a encargada de animar as rúas para, ás 18:00 horas partir a triste comitiva do Enterro do Berete dende o Alto da Encarnación ata a Praia de Arealonga onde, cara ás 20.30 horas terá lugar a súa queima e o espectáculo de Festicultores que poñerá fin ao entroido 2022.

A alcaldesa Digna Rivas lembrou que, pese a recuperar os actos na rúa, “todas e cada unha das actividades contarán coas medidas de seguridade sanitaria que aínda segue impoñendo a pandemia da Covid”.


Está pasando!