O Espazo Nemonon acollerá a presentación e firma da novela ‘Bosquesanto’ de Silvia Rodríguez Coadas

27 Abril 2022

O venres 6 de maio, ás 20:00 horas o Espazo Nemonon (Villa Pilar), acolle a presentación e firma da novela ‘Bosquesanto’ de Silvia Rodríguez Coladas, publicada por Editorial Fanes.

Resumo

Na pequena localidade de Bosquesanto, ao norte do país, desaparece inexplicablemente Eladio, un dos seus veciños máis odiados. Tras este suceso, a Garda Civil acomete unha investigación, que se complica máis da conta cando xorden novos e terribles acontecementos que quebrantan a aparente paz comunal.

De forma paralela, o causante dos mesmos, un misterioso asasino, de personalidade atípica e carácter inestable, reflexiona no seu foro interno acerca da xustificación da súa proceder en aras do ben común, a ecoloxía, a xustiza e a sustentabilidade. As forzas vivas do pobo e as que non o son, nin case xa están vivas, tentan soportar a situación como poden e, mesmo, sacar proveito dela a pesar de sentir esa ameaza constante, á que empezan a habituarse.

‘Bosquesanto’ é unha novela negra costumista impregnada dun sarcástico sentido do humor que nos introduce no rural, coas súas peculiares tradicións e estilo de vida, e se interna na cabeza dun homicida cargado de reivindicacións.


Está pasando!