O Festival Atlántica celebra o Día Internacional da Narración Oral con solidariedade e lectura do Manifesto

17 Marzo 2023

  • As actividades desenvolveranse ao redor do 20 de marzo e nelas participan tamén -nas cidades correspondentes- Sete Falares, Falando a Boca Chea e integrantes de NOGA, a asociación de profesionais da Narración Oral de Galicia
  • Unha vintena de artistas espallaranse por varias cidades e vilas do país para celebrar a arte máis antiga do mundo

A XI edición do Festival Atlántica vaise celebrar durante o verán, máis o encontro non quere deixar de festexar unha das súas citas máis emblemáticas: o Día Internacional da Narración Oral. Daquela, o 20 de marzo, unha trintena de espectáculos vaise desenvolver en múltiples puntos de Galicia grazas á colaboración cos festivais Sete Falares de Pontevedra e Falando a Boca Chea da Coruña e mais os integrantes do colectivo NOGA.

As historias en estado puro percorrerán os barrios, bibliotecas, teatros e auditorios de Santiago de Compostela, Lugo, Pontevedra, A Coruña, Vigo, Lalín, Sanxenxo, Combarro, Ordes, A Laracha, Baiona, Burela, Narón, Culleredo, Meis, Moaña, Padrón, Salcedo, Negreira, Monforte, Forcarei, Vedra, A Guarda, Carral, Carballo, Teo. Será un día de festa e tamén de reivindicación.

Nesta edición a celebración salienta polo seu carácter moi solidario, xa que @s artistas o día 20 de marzo, percorreran as aulas e salas do Hospital Clínico de Santiago, do Provincial de Pontevedra, do Salnés e Montecelo levando historias aos pacientes de todas as idades dos diferentes centros médicos.

Entre os artistas participantes figuran Vero Rilo, Atenea García, Raquel Queizás, Dani Blanco, Carlos Rebolo, Charo Pita, Ángeles Goás, Cris Collazo, Olga Abad, Celso F. Sanmartín, Ana Meilán, Ramiro Neira, Pablo Díaz, Larraitz Urruzola, Cris de Caldas, Carme Domech, Quico Cadaval, Sole Felloza, Pavís Pavós, Baobab, Migallas e Polo Correo do Vento e a Street Band de jazz.

Ademais, nesta edición o histórico narrador, mestre de narradores, escritor e director de teatro José Campanari é o autor do Manifesto, un texto que dende hoxe chegará aos centros de ensino, bibliotecas e concellos para lembrar nestes tempos de tecnoloxías e pausas inexistentes a importancia e a necesidade das historias a viva voz, o encontro cos outros ao redor dunha mesa, para celebrar a memoria, a identidade e a lingua.

A información sobre as diferentes actividades vaise difundir a través das redes sociais das entidades participantes.


Cartel do Día Internacional da Narración Oral Galicia | Deseño: Raquel Boo

Unha arte de sempre e moi viva

A narración oral é unha arte escénica de pequeno formato que está presente en todas as programacións de xeito diario en Galicia. Programacións nas que a asociación de profesionais da Narración Oral Galega (NOGA) insta a ser valorada e recoñecida coma unha arte rica creativa e sólida con capacidade de adaptación a espazos moi diferentes.

Por iso levan traballando dende os festivais e NOGA para visibilizar e poñer en valor o seu oficio poñendo a Galicia e a súa lingua no mapa universal das historias.

No Día Internacional da Narración Oral conmemórase a arte de narrar de viva voz, manifestación artística tamén denominada contacontos. Celébrase cada 20 de marzo, coincidindo co equinoccio de primavera. A festividade tivo a súa orixe en Suecia no ano 1991 e, aos poucos, fóronse engadindo outros países.


Está pasando!