Fotograma da curta ‘Home que foxe’ de Pablo Dopazo | Festival de Cans

O Festival de Cans terá nove estreas na competición de ficción e animación

9 Maio 2025

Un total de nove estreas terá este ano a competición de Ficción e Animación do Festival de Cans, na que haberá dez obras. Catro das obras terán a súa estrea absoluta e cinco delas será a primeira vez que se poidan ver en Galicia. 

Os traballos presentados abordan temáticas diversas como os coidados, a familia, a reinterpretación da masculinidade, a tecnoloxía, o amor ou a liberdade.

Entre as obras de estrea absoluta están títulos como ‘Home que foxe’ (imaxe destacada da publicación), baseada na fuga do preso anarquista Xosé Tarrío e segunda curta do cineasta de Marín Pablo Dopazo, que o pasado ano foi o gran triunfador de Cans; ‘Montsera’, de Diego R. Aballe e producida por Alfonso Zarauza, unha traxicomedia arredor da paixón pola botánica, ‘Curmán’, o prometedor debut como director do actor Alejandro Jato e a curta ‘Boca de Asno’, de Carlos Calvar, unha historia surrealista cargada de humor negro.

Entre as estreas en Galicia, unha das máis esperadas será ‘Abellón’, de Fon Cortizo, que chega a Cans despois de ser recoñecida como mellor curta no Festival de Moscú e de varias seleccións internacionais, así como a desacougante ‘Hippocampus’ de Xaime Miranda, gañador en dúas ocasións do premio a mellor videoclip en Cans, e que supón o debut no guión de Nuno Picolíder da banda Grande Amore.

Outras estreas serán a da cineasta de Cangas Adela Pino coa curta ‘Corre Adela’, que conta co actor Fernando Tejero como protagonista e ‘Adeús, Berta’, do director e actor Fernando Tato, que mostra un reencontro entre a protagonista e a súa irmá, quen acaba de saír dun centro de rehabilitación.

Tamén terá a estrea en Galicia un filme de carácter social como ‘Mounir’, de Xavier Rúa e Xosé Dopazo, unha docuficción que aborda a inmigración ilegal e a loita polos permisos de residencia. A categoría de ficción complétase con ‘O Patio’, de Ariadna Cordal, cineasta forxada na sección Novas Camadas de Cans, que aborda nesta ocasión un relato de soidade e memoria.

Finalmente, na categoría de animación competirán catro obras. ‘Eu vou comigo’, dunha das habituais en Cans, Chelo Loureiro, que acaba de gañar o Premio Mestre Mateo con este traballo; ‘Sinapse’, de Carlos Cuesta, baseado en experiencias de persoas con alzheimer e os seus familiares; ‘Noites de Prata’, de Soraya Antelo, unha historia que navega na música e na emigración galega a Arxentina e a singular ‘Cadáver de dragón’, de José Garnelo, que relata un curioso vínculo entre un náufrago e un cadáver dun dragón.

A competición de ficción e animación terá lugar o día grande de Cans, o sábado 24 de maio, e as entradas, en sesións matinal e de tarde, xa se poden adquirir de xeito individual a un prezo de 14 euros na tenda online do Festival de Cans.

Está pasando!