Festival SonRías Baixas | PlayPlan

O festival SonRías Baixas publica os seus horarios e pecha cartel con Sabela, Sobrezero e Kike Varela

22 Xullo 2025

O festival SonRías Baixas publica hoxe os horarios da súa próxima edición, que se celebrará na localidade de Bueu en apenas dúas semanas, durante catro xornadas entre o xoves 31 de xullo e o domingo 3 de agosto.

A edición número 22ª do festival inclúe unha trintena de nomes que constitúen unha programación variada, reflexo da enorme heteroxeneidade que prima na música hoxe en día, e que unido á contorna inigualable onde ten lugar, en pleno corazón das Rías Baixas, constitúe ao festival como unha das citas imprescindibles do verán musical en Galicia.

Como peche da súa ecléctica programación, tres artistas incorpóranse ao cartel: O sábado súmanse os madrileños Sobrezero, quinteto que co seu pop rock promete ofrecer mocidade, ganas e frescura e é que, como eles mesmos din, “Felicidad es enchufar los instrumentos y sonar”.

O peche da xornada correrá a cargo de Kike Varela DJ, un dos produtores de música electrónica máis importantes de Galicia.

A tradicional Sesión Vermú terá lugar, como en pasadas edicións, na xornada do sábado e estará protagonizada por dous artistas da terra que ambientarán o recinto de As Lagoas desde o mediodía.

The Rapants volverá a Bueu tras a súa visita o ano pasado e a despregarán todo o seu repertorio incluído no seu último disco, “La Máquina del Buen Rollo”, e Sabela presentará os seus máis recentes singles, incluíndo “Camponarai”, “Hi, My Love” ou “Eu Espero Aquí”, na súa potente proposta de pop electrónico.

COÑECE A DISTRIBUCIÓN COMPLETA POR DÍAS DE SONRÍAS BAIXAS 2025 E OS SEUS ARTISTAS

XOVES 31 DE XULLO

La Raíz volverán como prato forte da primeira xornada ao escenario que os viu despedirse (momentaneamente) en 2018 e como parte da súa Gira Reencuentro e coa que celebran os seus vinte anos cumprindo esa promesa coa que anunciaron o seu parón, “Nos volveremos a ver”.

O resto da xornada completarana Canteca de Macao (que celebrarán o 20 aniversario de “Cachai?”), Muyayo Rif (que volverán ao festival nesta 22ª edición para contaxiar de novo a todo o mundo co seu optimismo e presentando os seus clásicos e novos temas incluídos no seu último disco “Megalithic”) e Baiuca, co seu selo persoal que mestura vangarda e a electrónica coa reivindicación do folclore e a música tradicional galega.

VENRES 1 AGOSTO

Sen Senra, sen dúbida un dos artistas do noso país que máis creceu nos últimos anos, será un dos pratos fortes do venres. Inmerso na creación dunha triloxía, da que xa coñecemos dous volumes, Christian segue mesturando con mestría un son internacional urbano con influencias americanas e a súa esencia vangardista e intimista, e facturando en “PO2054AZ” I e II temas brillantes, como “No Quiero Ser Un Cantante”, “Uno De Eses Gatos”, “Un cielo azul” ou “Hermosa Casualidad”, demostrando ser un artista con capacidade para sorprender e romper os moldes establecidos.

Carolina Durante chegan ao festival ostentando o posto de ser a banda máis importante da súa xeración, e responsables en boa medida do rexurdimento do rock e o pop de guitarras. O cuarteto, que foi desenvolvendo unha carreira que se move entre o éxito masivo e o culto que lles profesa o seu aceso grupo de fans, presentará o seu terceiro álbum, “Elige tu propia aventura”, ademais dunha decena de himnos xeracionais nos que reflicten con mestría as miserias e ilusións de toda unha xeración.

A descarga de guitarras continuará esa xornada grazas a shego e Cariño. As primeiras, gañadoras do Premio MIN a Mellor Artista Emerxente 2023 e do Premio +Músicas a Mellor Gravación de Rock este ano, presentarán o seu segundo disco, “No lo volveré a hacer”, cheo de cortes frescos, descarados e, en definitiva, irresistibles grazas ao seu descaro e a letras directas e mordaces. Cariño, pola súa banda, tamén chegarán a Bueu con novo álbum baixo o brazo, “Tanto por decir”, o terceiro nos seus seis anos como banda e que supón unha nova colección de temas con gancho melódicos irresistibles cunha linguaxe infestada de sentido do humor e que reflicten a realidade das súas vidas, ás veces boas outras non tanta, de forma que conectan fortemente con todo Xene-Z que se pare a escoitalos.

Tras un parón estes últimos meses, Grande Amore volverá á carga o próximo verán e volveremos velo sobre as táboas en Bueu. As súas dúas aparicións na tradicional Sesión Vermú deixáronnos algúns dos mellores momentos e instantáneas das últimas edicións, así que Nuno e os seus chegarán co listón ben alto para facturar un show cheo de stage dives, enerxía e a súa actitude punk. Como el mesmo diría, “Que pode saír mal?”.

Completará a xornada con máis representación galega Luis Fercán, que estreará en SonRías o seu cuarto disco, “Postales perdidas”, un disco a corazón aberto, persoal e directo e que acompañado pola súa voz rachada e de tímbrica sedutora e potente garanten un concerto memorable cheo de maxia.

Para completar o venres, Melifluo tamén presentarán temas novos en Bueu, estreando formación – aos irmáns Juan Carlos (batería de Supersubmarina) e Antonio Gómez Grella únense para confeccionar un segundo álbum Jay (guitarra de Supersubmarina), Edu (guitarra) e Juanan (baixo). Ao primeiro poderemos gozalo tamén en forma de dj, como Juancasupersub DJ Set, labor que tamén correrá a cargo de Eme Dj durante as tres xornadas para amenizar a apertura de recinto e o peche sen que pase a música nin un instante.

SÁBADO 2 AGOSTO

Vangardista, rompedor e sen dúbida artífice dalgúns dos grandes hits nacionais dos útimos anos no seu labor de produtor para artistas como C. Tangana, Rosalía ou Lola índigo, Alizzz visita por primeira vez o SonRías para presentar os seus dous álbums como solista, “Conducción temeraria” e “Tiene que haber algo más”. Sen nada que envexar ao seu labor tras a mesa de mesturas, o seu directo aposta polas guitarras dos noventa, os sintetizadores e temas cheas de ganchos como “Despertar”, “Ya no siento nada”, “Amanecer”, a súa colaboración con Rigoberta Bandini, e “El Encuentro”, xunto a Amaia.

Precisamente por Alizzz foi descuberta Judeline, e a de Caños de Meca converteuse nunha das sensacións musicais máis interesantes dos últimos tempos. Contando xa con colaboracións do talle de Duki, Tainy ou Dellafuente, defenderá en Bueu os seus singles xa convertidos en hits (“Canijo”, “2+1”, “de la luz”, etc) e os temas do seu primeiro álbum, “Bodhiria”, no que segue fusionando a súa voz persoal con composicións que mesturan pop, flamenco e electrónica dunha forma intimista e profundamente hipnótica e xenuína.

Desde Murcia e reivindicando as sonoridades, emocións e composicións ancestrais da súa terra, chegan outras das revelacións underground da tempada, Maestro Espada, quen presentará os doce cortes do seu álbum homónimo e debut no que revistan un dos folclores máis ignorados de España, mesturado con tinguiduras futuras e electrónicas e facendo de novo unha chiscadela a que a música popular non ten por que estar rifada coa experimentación.

Fieis sempre a vivir o momento presente e nun grandísimo momento aterrarán en SonRías Delaporte, baixo a súa máxima “El techno cura” e presentando o seu quinto álbum “Aquí y ahora”. A súa proposta transmite enerxía contaxiosa, nunha celebración próxima ao transo con cancións compostas para defender en directo, bailando e gozando ao máximo, e na que Sandra e Sergio fan unha declaración de intencións vitais e mantras para repetirnos tamén cando as cousas non van “tan ben”.

The Rapants volverán a Bueu a despregar todo o seu repertorio incluído en “La Máquina del Buen Rollo”, e a terceira xornada completarana Griso, anteriormente 50% de Arnau Griso e que presenta nova música xa como solista, máis madura e mesturando rock con R&B, funk e folk, e Capital Voskov. Os de Muros presentarán o seu álbum “Abrir el juego” cargado de temas de indie electrónico e tras presentar a súa música por salas e festivais de toda España.

DOMINGO 3 AGOSTO

Xa desvelado que este ano o festival esténdese un día máis, a xornada do domingo recibirá no seu último día ao que é, sen dúbida, un dos artistas novos máis importantes da escena española.

Dani Fernández encabeza a programación desta xornada presentando o seu disco “La Jauría”, precedido polo éxito de singles como “Todo Cambia”, “Criminal” ou ” Me Has Invitado a Bailar”, e que conseguiron, do mesmo xeito que outros incluídos nos seus anteriores traballos (“Bailemos”, “Clima tropical”, “Dile a los demás”) fulminar récords de escoitas en plataformas dixitais e converterse xa en himnos para todos os amantes da música. Producido por Pau Salazar, o álbum conta con temas cociñados a lume lento, no que o artista recorre á imaxe mental da jauría para definir á sociedade, reflectida como unha multitude disposta a opinar e xulgar calquera tema ou persoa, moitas veces sen ningunha lóxica nin análise nin espírito crítico.

Carlos Ares chegará a Bueu con todas as miradas postas nel tras un álbum debut, “’Peregrino”, que veu a luz a principios deste ano e que reúne as súas raíces galegas, o amor polo rural e a simplicidade na creación nunha proposta orgánica e vangardista que unida á súa voz única e auténtica fan dos seus concertos uno dos momentos imperdibles do día.

Confirmamos tamén que Niña Polaca, quen afronta un dos mellores momentos da súa carreira con tres concertos seguidos na La Riviera, visitarannos por primeira vez, xa convertidos nuns imprescindibles nos festivais nacionais e defendendo os seus temas convertidos por mérito propios en clásicos do indie nacional, como ” La muerte de Mufasa”, “Willy”, “Pinta Malasaña”, “Nora” ou “San Francisco el Grande”, por citar só algúns dos incluídos nos seus tres álbums de estudo publicados ata a data.

Marlena volven ao festival tras coroarse na Sesión Vermú deste pasado agosto, onde todo o público gozou ao máximo coreando xunto a Ana e Carolina os versos de “Me Sabe Mal”, “Red flags”, “Bailamorena” ou “Último Baile”. Autenticidade e un directo enérxico e que xera unha gran comuñón cos asistentes nunha nova oportunidade para gozar dunha das propostas con máis proxección do noso país.

Unha das voces máis recoñecibles e recoñecidas da Historia do pop en español, Nena Daconte, tamén estará en Bueu repasado o seu repertorio e presentando novas cancións. Premiada con numerosos galardóns a toda unha carreira, Mai deléitanos coas súas emocionantes letras sempre cargadas de amor, desamor e outras sensacións do mundo adulto, sempre mantendo o seu estilo tan único e persoal que a fixo unha das artistas imprescindibles da nosa música.

A mocidade e as guitarras enérxicas correrán este último dia a cargo de Pipiolas, co seu pop cheo de arestas e fantasía. Utilizando unha linguaxe musical propio, maduro, fresco e tremendamente divertido, non faltarán no seu set hits no seu repertorio e grandes colaboracións como “Todas Las Horas”, con Ginebras, “La Niña Bonita”, con Rigoberta Bandini ou “Llorarme”, con Kiko Veleno.

Para pechar, damos a benvida de novo a NDLR nun set que conseguirá, como xa fixo fai dúas edicións, manter a todos os asistentes cheos de enerxía ata o peche desta nova edición que promete ofrecernos, un ano máis, grandísimos momentos para o recordo.

SonRías Baixas é un festival promovido pola promotora PlayPlan, responsables tamén do BIGSOUND Pontevedra.

Conta coa colaboración institucional do Concello de Bueu e o patrocinio da Deputación de Pontevedra e Turismo Rías Baixas a través da marca Rías Baixas Fest, así como da Xunta de Galicia, mediante Xacobeo e a marca Fest Galicia. O evento conta, ademais, co apoio de marcas como El Águila e Johnnie Walker, e ten a Los40 como emisora oficial.

Está pasando!