Xornada de recollida de residuos en Praia América | © Vive Nigrán

O festival Vive Nigrán, na súa campaña “Vive Sostible”, recolleu un total de 221kg de residuos en Praia América en menos de 2 horas

24 Maio 2021

A V Edición do Festival Vive Nigrán, impulsa accións de recollida e clasificación de residuos nas praias do Concello de Nigrán dentro da súa iniciativa “Vive Sostible”.

A primeira destas “xornadas de limpeza” desenvolveuse onte, domingo 23 de maio, en Praia América en colaboración co Concello de Nigrán.

Desde o seu inicio, a organización de Vive Nigrán, tivo presente a necesidade de actuar con respecto #ante a riqueza ambiental da contorna na que se desenvolve o festival. Medidas como fabricar vasos reutilizables, garantir a seguridade na zona dunar ou actividades para os máis pequenos con talleres de reciclaxe así o testemuñan.

Nesta edición e seguindo diversos obxectivos incluídos na Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible, Concello e organización quixeron incrementar o seu compromiso programando varias actividades que poidan servir para concienciar á sociedade, por unha banda sobre a necesidade de reciclar, a importancia da conservación do mar e as súas especies e por outra banda para converter as nosas praias en espazos libres de plásticos.

“Vive Sostible” exporá diversas accións que se irán desvelando aos poucos e que están vinculadas coa conservación, concienciación e responsabilidade ambiental (compensación de pegada de carbono, etc).

O obxectivo de todas estas accións é facer ver que o problema dos residuos no mar é moi grave e compete a todos; e que, entre todos, cidadáns, festivais e institucións públicas, é necesario darlle a volta e achegar solucións.

O consumo de plástico na nosa sociedade creceu de forma vertixinosa nos últimos anos. Os datos sobre a cantidade de plástico que acabamos tirando, unha vez utilizado, son arrepiantes e extremadamente rechamantes.

Unha realidade que está a converter os nosos fondos mariños en auténticos vertedoiros, especialmente de plástico, debido sobre todo á gran resistencia deste tipo de material, que pode perdurar durante séculos no fondo mariño.

Está pasando!