A actriz María Vázquez | © FICBUEU

O FICBUEU recoñecerá este ano co Premio Cinema Galego á actriz María Vázquez

31 Xullo 2024

A directora executiva do Festival de Tampere, Riina Mikkonen; o director e produtor Chema García Ibarra, e a crítica serbia Tara Karajica, xurado da Sección Oficial do certame


A actriz galega María Vázquez (Vigo, 1979) recibirá o Premio Cinema Galego do Festival Internacional de Cinema de Bueu (FICBUEU). O certame buenense recoñece dende 2016 con este galardón as achegas de profesionais da industria audiovisual de Galicia durante a súa traxectoria. Vázquez recibirá o Premio Cinema Galego o 14 de setembro nun evento no que tamén manterá unha conversa aberta co público do FICBUEU.

O festival, que entre os días 6 e ao 21 de setembro celebra a súa décimo sétima edición, outorgoulle este premio en anos anteriores ás actrices Mabel Rivera, Melania Cruz e Luísa Merelas, e aos actores Miguel de Lira, Alfonso Agra, Antonio Durán Morris e Celso Bugallo.

María Vázquez comezou a súa carreira coma intérprete hai preto de 25 anos. Vencellada profesionalmente tanto ao audiovisual de Galicia coma ao español, estivo nomeada en senllas ocasións aos Premios Goya, a máis recente en 2024 pola súa interpretación no premiado filme galego ‘Matria’. Ao longo da súa carreira, Vázquez mereceu ademais tres Premios Mestre Mateo polas súas interpretacións noutras tantas producións. A actriz viguesa tamén participa decote producións de teatro e televisión. O seu traballo mais recente para a pequena pantalla é na serie ‘El jardinero’, producida por Netflix e que será estreada nos vendeiros meses.

Durante o encontro co público do FICBUEU que manterá o 14 de setembro, os asistentes poderán achegarse ao percorrido profesional de María Vázquez e afondar nos seus traballos.



Xurado

O equipo do FICBUEU apura nestes días os últimos detalles organizativos da vindeira edición do certame, cuxos xurados para as seccións a concurso, a Oficial e máis Descubertas, que premia as mellores producións das autoras e autores máis novos, xa foron designados.

A directora executiva e programado do Festival de Tampere (Finlandia), Riina Mikkonen; o director, guionista e produtor Chema García Ibarra, e máis a programadora, crítica e xornalista serbia Tara Karajica serán as tres persoas encargadas de decidir os filmes gañadores da Sección Oficial.

Compoñen o xurado de Descubertas a fotógrafa e gestora cultural Elisa Pereira, o programador e investigador Xan Gómez, e a tamén programadora, investigadora e crítica Daniela Urzola.

Está pasando!