Presentación do FICBUEU 2023 | © Rodri Molestia

O FICBUEU regresa dende esta fin de semana coas mellores curtas internacionais e unha oferta cultural máis solidaria e inclusiva

6 Setembro 2023

  • Dende este venres e ata o vindeiro sábado 23 proxectaranse 89 películas dunha trintena de países e haberá concertos, obradoiros, coloquios con cineastas, podcasts de radio en directo e programación especial para a rapazada no MiniFIC
  • O Festival reforza o seu compromiso social cunha campaña de recollida de produtos de xestión menstrual e a estrea dunha ludoteca infantil para favorecer a conciliación familiar

O Festival Internacional de Cinema de Bueu, o FICBUEU, xa quenta motores. O certame de curtametraxes, que dende O Morrazo amosa cada ano as novas tendencias de creación cinematográfica e de cinema autoral, regresa este venres cun completo programa que se desenvolverá na vila buenense ata o vindeiro sábado 23.

A súa décimo sexta edición presentouse hoxe no Peirao do Attilio, no paseo da Pescadoría, nun acto cos directores do Festival, Manuel Pena, María Ruiz-Falcó e Nerea Lores, e no que tamén participaron Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC); Luís López, presidente da Deputación de Pontevedra; Marta Fernández-Tapias, vicepresidenta do organismo provincial pontevedrés; e Carmen García, concelleira de Cultura de Bueu. As tres institucións apoian e fan posible o evento.


Presentación do FICBUEU 2023 | © Rodri Molestia

O FICBUEU, un dos festivais galegos con maior traxectoria e impacto, trae de novo a mellor selección de curtas internacionais producidas durante o pasado ano. No Auditorio do Centro Social do Mar de Bueu –epicentro das actividades do certame– proxectaranse 89 películas chegadas dunha trintena de países dos cinco continentes. 28 delas compiten na «Sección Oficial» e moitas xa resultaron premiadas nos últimos meses nos festivais máis importantes do mundo coma Venecia, Cannes, San Sebastián, Berlín, Clermont-Ferrand ou Sundance. Galicia tamén estará moi presente no Festival: hai catro curtas producidas ou dirixidas na comunidade a concurso na «Sección Oficial» e media ducia máis de pezas no espazo denominado «GZ_00», dedicado en exclusiva ás creacións de selo galego.

A programación do Festival inclúe tamén coloquios e clases maxistrais con cineastas e profesionais do sector audiovisual, obradoiros, concertos, a emisión en vivo e con público de cinco podcasts radiofónicos sobre cinema, actividades nas rúas e unha oferta especial para a rapazada co MiniFIC.


FICBUEU | Cedida

Traballo a prol do audiovisual galego durante todo o ano

Pero se hai algo que caracteriza ao FICBUEU é a súa aposta pola promoción continuada da cultura. O certame é, de feito, a culminación dun traballo de difusión cultural e do cinema que se desenvolve durante todo o ano con actividades coma o Cinema Circulante –con proxeccións, conversas, actuacións musicais e obradoiros vencellados á cultura galega para todos os públicos–, a proxección de curtas o día máis curto do ano ou a «Residencia FICBUEU», un programa de creación e formación co que se busca fornecer proxectos de guion e impulsar as curtas de novas autoras e novos autores. A primeira edición terá lugar do 9 ao 15 de outubro na Illa de Ons e estará titorizada por Isabel Peña, guionista de filmes como ‘As bestas’ ou ‘El reino’.

Compromiso coas persoas

O apoio a valores coma a igualdade, a integración e o respecto é outro dos elementos clave do FICBUEU, que o converten nun certame diferente marcado polo seu compromiso coas persoas. O Festival amosa a súa esencia social máis ca nunca nesta edición. Arranca este venres coa estrea da curtametraxe realizada nos últimos meses por usuarios e usuarias do ITA Verducido coa axuda da organización do certame. Porase en marcha unha ludoteca infantil para favorecer a conciliación familiar, convertíndose así no primeiro festival galego de cinema con este servizo. E, nas dúas semanas do FICBUEU, realizarase unha campaña de recollida de produtos de hixiene feminina –que logo se doarán xunto aos alimentos entregados tamén polo público ao banco da Fesbal (Federación Española de Bancos de Alimentos) en Bueu– co obxectivo de axudar a visibilizar a pobreza menstrual que sofren moitas mulleres no mundo. É, ademais, a resposta do FICBUEU á mensaxe lanzada polo seu público, que o ano pasado premiou unha curta con esta temática, Spotless, da realizadora holandesa Emma Branderhorst.



Durante a presentación do Festival, o director da Axencia Galegas das Industriais Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, felicitou á organización polo evento e salientou o “papel moi importante” que xogan citas coma o FICBUEU para o audiovisual en Galicia. Lembrou, Sutil, que o cinema galego atravesa un gran momento de producións e recoñecementos.

Pola súa banda, o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, lembrou que “O FICBUEU é cultura con maiúsculas”. E incidiu no compromiso do organismo provincial co evento: “A Deputación vai estar sempre ao voso lado porque a cultura será un dos alicerces deste mandato”.

A concelleira de Cultura de Bueu, Carmen García, lembrou a importancia que o Festival ten para a vila e salientou o feito de que “cada ano suma novas propostas que van cos novos tempos e cos novos valores”.

O FICBUEU é posible tamén en gran medida grazas a empresas en entidades de Bueu e do Morrazo que ano a ano apoian o certame. Para a presente edición tamén recibiu o apoio do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia de España, financiado con fondos europeos Next Generation, que se suma ao evento a través do Programa Kit Dixital do Goberno de España.

Está pasando!