O Galegote Rock muda horarios e espazos para esquivar a choiva

5 Maio 2023

Por mor das malas previsións meteorolóxicas, os concertos previstos para a fin de semana serán repartidos entre a Praza do Concello (que contará cunha ampla carpa) e a Sala Karma


A previsión de choiva para a fin de semana non fará perigar a celebración do Galegote Rock, se ben si mudará os escenarios previstos e os horarios dos concertos.

O festival de música promovido polo Concello de Pontevedra volverá traer até a cidade unha selección das mellores propostas actuais do país. Nomes relevantes, promesas futuras, xéneros diversos e, todo isto, coa lingua galega como base.

Así, as actuacións que antes ían estar distribuídas polos Xardíns de Marescot, o Campiño ou a Avenida de Santa María, pasan a ter como posíbeis ubicacións só dous puntos: a Praza do Concello ou a Sala Karma.

No caso primeiro, co fin de ofrecer un espazo libre de auga, o público e os artistas contarán cunha carpa instalada para poder seguir gozando da música sen medo a choiva. Doutra banda, os horarios tamén se viron modificados un chisco para permitir e manter todas as actuacións previstas.

Cómpre sinalar que se segue mantendo o carácter festivo do evento, diverso, e mesmo cunha programación infantil e xuvenil especial.


Está pasando!